Un home tranquilo

La Voz

SANTIAGO

Jaime Massieu

Hai a quen os 15 minutos de fama que conceden a posmodernidade e a televisión so lle chegan despois de morto

18 jul 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Cal é o verdadeiro retrato de cada quen. Pode ser unha preocupación narcisista ou unha sondaxe de mercado. En Galicia estamos afeitos a que o noso retrato mellore moito despois de morrer. Incluso hai casos de xente que só consegue os 15 minutos de fama que a posmodernidade e as televisións conceden despois de morrer. ¿Cal é o tamaño e a profundidade do noso retrato? E cal será o xénero ao que pertenza unha ver feito: ¿será biografía ou será ficción?

A resposta dos queimados será que ambas cousas son a mesma. Esta aseveración, que é outro xeito de esquivar, só é válida cando se fala de presidentes con dependencia das caixas de puros, de ex presidentes con flequillo traseiro, de escritores con novelas que só son grandísimas en extensión e dese colectivo amplísimo que son os salvadores da patria. Para o resto do mundo, para o común da xente, non se pode asegurar que biografía e ficción sexan a mesma cousa.

Desde Alemaña chegou ese concepto de que no sur (no sur de Alemaña queren dicir) a xente non ten espírito de sacrificio como se este fora un accesorio que tivésemos que levar de serie. Que non estamos e que non pagamos. Aínda que a eles a secuencia que lles preocupa é xusto a contraria: que non paguemos primeiro. É unha verdade mal informada, que é como lle chaman aos infundios quen os propaga.

Quintana Martelo está moi a favor da biografía. Incluso no sentido menos anglosaxón do termo. Está moi a favor dos detalles que compoñen un retrato. Pero o artista sabe que toda composición acaba por ser só unha perspectiva sobre un modelo que pode ser inmenso. Por iso exhibe o proceso e concede ao espectador a posibilidade de ver unha biografía e o xeito que se utilizou para contala. Esta é unha decisión de franqueza porque un espello non explica a trampa do seu mecanismo.

É a biografía dun home tranquilo. Como a inmensa maioría de nós. Que deberiamos, cando menos, utilizar o lume dos puros para prender lume no sistema.

ARTE | MARAVIÑAS

Días: Ata setembro

Horario: 10.30-14/16-19.30. Luns pechado.

Entradas: 3 euros

MÚSICA | TAK-NARA

Suaves golpes

Segundo as enciclopedias de historia todo se resolve a golpes. Na antigüidade todo se resolvía pola forza: os golpes eran a continuación do diálogo por outros medios. Segundo as enciclopedias de historia a antigüidade acabou hai un nada. Pero é unha versión optimista. Aínda estamos de cheo metidos na prehistoria dunha civilización que, polo momento, é extraterrestre. É dicir: imaxinaria.

Debería ser ben sabido, debería ser asignatura obrigatoria en primaria, que cando se trata de golpes hai dúas cousas que teñen moito valor: a capacidade de dalos e a capacidade de levalos. Seica os gobernos de todas as clases están orgullosos da súa capacidade para dar golpes. Pola contra están moi orgullosos da capacidade dos seus gobernados para recibilos. Isto é o que se chama dobre valor de medida. Ou pasarse ao outro lado.

Pero este mapa dos golpes revela unha circunstancia máis. Os gobernos son moi sensibles a ser golpeados. É algo que levan con moito disgusto entre outras cousas porque non están afeitos.

Nin sequera son partidarios do intercambio de golpes que, cando se trata de boxeo, é sinónimo de tanteo, de aburrimento ou de que está a punto de desatarse a alta intensidade. Os gobernos xulgan o intercambio de golpes como unha rebeldía inadmisible por parte dos seus gobernados. En fin, unha desculpa de parte.

Para os golpes, como para todo, hai finos estilistas e brutos sen estilo. Tak-Nara son dos primeiros e danlle unha volta á música con esa calma de golpear con sentido, sen présa, sen pausa e sacando melodía. Un sistema do que teríamos que aprender.

IGREXA DA UNIVERSIDADE

Días: Mañá

Horario: 21.00

Entradas: De balde ata completar aforo. Recollida de billetes no Teatro Principal ata unha hora antes do comezo.

MÚSICA | DANIEL MINIMALIA / MAMA BOOGIE

Antes da escuridade

O concepto Atardecer no Gaiás ten algo de melancólico. É algo así como o ocaso de Europa ou o solpor nas futuras ruínas da civilización. Unha civilización cunhas tardes moi por riba das súas posibilidades.

Xa sabemos que as dez da noite é día. E este concepto tamén é melancólico porque provoca unha contradición en nós entre o regulamento (que di que son as dez da noite) e a realidade (na que claramente é día). Os galegos vivimos atrapados nesa dicotomía da regulación e a realidade do mesmo xeito que Mariano Rajoy está pexado no silencio de que a contabilidade en B é real pero non é regulamentaria. O Gaiás é real e polas tardes ponse melancólico. Cando o sol cansa de quentar os tellados de Santiago fai unha despedida á francesa sen raio verde. Seguro que é o momento de pensar noutra cousa. Pero para que. Hai que esperar que o funk repare a eiva disociativa e consiga casar a realidade normativa con esa lei da selva que a vida sen convenio colectivo.

CIDADE DA CULTURA

Días: Hoxe e sábado

Horario: 21.00

Entradas: De balde

PETICIÓN POPULAR

FESTAS | PREGÓN DO APÓSTOLO

Os traballos inútiles

Ser pregoeiro dunha festa é un traballo inútil. Non é necesario animar á xente a que se divirta, nin sequera cando un programa de festas non parece moi divertido.

Os pregóns das festas patronais convertéronse nun subxénero literario no que está moi mal vista a crítica social. Non está ben visto que lle digas a un grupo de xente que o mundo está refodido mentres eles están dispostos a iniciar unha verbena de tres días. No está ben recordar que o mundo ten tendencia natural a ser infame mentres estamos agardando a que toque Primal Scream. Así que o Tonecho sen casco sairá ao balcón consciente de traballar nun xénero superado. Pero se segue habendo festas por riba das posibilidades de diversión que polo pregoeiro non quede. Que o mesmo son as últimas. Como as xiras do Stones

OBRADOIRO

Días: Luns, 22

Horario: 22.30

Entradas: De balde.