Melide recoñece nos Garceiras o seu pasado gaiteiro

Natalia Rodríguez Noguerol
natalia noguerol MELIDE / LA VOZ

SANTIAGO

La corporación y la familia de los Garceiras, ayer en Melide.
La corporación y la familia de los Garceiras, ayer en Melide. noguerol< / span>

30 jun 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Cando un está emocionado, moi emocionado, e agradecido, moi agradecido, non hai palabras que cheguen para expresar o que se sinte. Pois moi emocionada e moi agradecida recolleu onte Carmen Mato, en nome da súa familia, a Medalla de Ouro coa que o Concello de Melide distinguiu a título póstumo a Os Garceiras, unha histórica agrupación de música tradicional pola que a vila melidá presume culturalmente de ser berce de gaiteiros.

Carmen é filla de Gabriel, alma máter do grupo, que xermola no 1934 da man tamén de Arturo e de Suso, e ao que, catro anos despois, se sumarían os outros tres irmáns varóns, Ramón, Xosé e Emilio, o único hoxe con vida.

Os descendentes dos Garceiras, que tomaron o nome do lugar da parroquia dos Ánxeles que os viu nacer, xuntáronse para recibir unha homenaxe institucional coa que se recoñeceu o importante labor que desenvolveron os fillos de Cándido Mato e Ermitas Varela cando «en tempos difíciles da posguerra, cando a cultura tradicional pasaba por unha longa noite de pedra, sostiveron e divulgaron a nosa música tradicional», destacou María Dolores Gómez Neira, concelleira de Cultura de Melide. A súa proposta de distinción á extinta agrupación, aprobada de xeito unánime pola corporación melidense, lembra que «foron, sen dúbida, un dos mellores grupos de música tradicional galega de posguerra».

A emigración

Nin as décadas escuras para a cultura galega foron quen de rachar co grupo, nin a emigración, que, a mediados do século pasado, obrigaba a marchar a Arturo, Ramón e Emilio. Recollían o relevo outros músicos da mesma parroquia dos Ánxeles como Xosé de Martiño e Enrique O Rubio, presentes na homenaxe xunto con familiares doutros compoñentes que tamén se foron incorporando ao grupo dos irmáns Garceiras.

Dos gaiteiros tamén se lembrou onte a súa calidade interpretativa, que lles valeu numerosas distincións; tamén merecidas como a da Medalla de Ouro, «un recoñecemento para quen loitou durante moitos anos por algo do que todos nos sentimos orgullosos como é Melide», afirmou a alcaldesa, Ánxeles Vázquez. Igual de orgullosos están os familiares dos Garceiras e «seguro que meu pai tamén se sentiría moi orgulloso de verme recoller hoxe este galardón», dixo a filla de Gabriel.

crónica entrega da medalla de ouro melidá