«No século XVI, Santiago debía cheirar bastante mal»

Tamara Montero
tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

XOÁN A. SOLER

Presentou un libro no que se analizan as ordenanzas e actas do consistorio compostelán en el Renacimiento

20 feb 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Un dos mellores xeitos de coñecer unha sociedade é estudar as súas leis. Dunha investigación de tres anos do libro de ordenanzas de Compostela e de actas do consistorio nace o libro que onte presentou Antonio Cepeda e que dá unha imaxe de Santiago no século XVI.

-¿Que reflicte «Santiago de Compostela no século XVI. Libro de Ordenanzas de la Ciudad (1546-1583)»?

-O libro está estruturado en tres partes. A primeira fai un debuxo de como era a cidade na época, mentres que a segunda é un estudo de tipo diplomático, máis especializado, e a terceira parte son as transcricións de ordenanzas. Recóllese todo o que é a vida común da cidade.

-¿Hai algunha curiosa?

-Por exemplo, hai unha que prohíbe expresamente a pólvora e a resina intramuros porque xa houbera nese século a experiencia dun incendio. Tamén podemos saber do papel da muller, que estaba supeditada ao home. Por exemplo, ás mulleres solteiras, que non dependían do marido ou do pai, xa eran sospeitosas de condutas inmorais e por exemplo dicíaselle que non podían ter tendas.

-¿E sobre urbanismo?

-Pois por exemplo, hai documentos que falan dunha das primeiras obras de saneamento para canalizar e tapar os vertedoiros abertos. Tamén o famoso «auga vai», estaba marcado por ordenanza, que prohibía lanzar os residuos sen avisar antes. A verdade é que Santiago era unha cidade que debía de cheirar bastante mal.

-É algo que non pensamos.

-É verdade, non o pensamos. Por exemplo, había unha peixería na Quintana que foi trasladada a Cervantes, que era onde se celebraba o mercado, e houbo queixas polo cheiro, así que se trasladou á actual Pescadería Vella, que é de onde lle vén o nome. Había tamén un edificio en Praterías que era unha carnicería e as ordenanzas prohibían botar residuos polas fiestras porque caían no seu tellado.