O besbello da multitude

Camilo Franco (camilo.franco@lavoz.es)

SANTIAGO

Christina Rosenvinge fai música para as barricadas. Para a parte íntima

07 feb 2013 . Actualizado a las 10:37 h.

MÚSICA: Christina rosenvinge

Seica que é nas distancias curtas onde unha colonia de home xógase o tipo. É unha esaxeración, claro. Ao champú pásalle o mesmo e non presume tanto. Dun tempo a esta parte as distancias curtas perderon relevancia pública a non ser que garden relación con sobres.

Dun tempo a esta parte semella que os músicos están preparando unha banda sonora para as barricadas porque volver con Silvio Rodríguez non enardece, Los Ilegales agora van de traxe e os Diplomáticos aínda non volveron da partida de futbolín. O indie anda ás súas cousas e Novedades Carminha non acaban de concentrarse e Ataque Escampe aínda non se puxo de todo.

Christina Rosenvinge fai música para as barricadas. Para a parte íntima. Nas barricadas, como nas trincheiras, hai recantos de abrigo para descansar os cóbados entre ráfaga e ráfaga. Antes colocábanse aí retratos do Che, pero agora fan camisetas con eles en Bershka e non se pode ir á guerra como se vai ao botellón. Besbellar nas guerras causa moitos problemas de comunicación. Os bombardeos fan moito ruído. Pero todo cambia e as guerras de agora non son como as de antes. Non quedan uniformes e hai moitos quintacolumnistas.

Rosenvinge cre que hai que facer a guerra polo baixo. A guerra do amor, a guerra á distancia da man. Como xa sabemos que as miradas non matan, Christina cruza a parede e fai chas ao lado do público para ocupar eses espazos a cuberto da barricada. Ela vai ver se consegue convencervos un por un de que hai outros xeitos de combater nesta guerra que nos declararon vía carta de despido. Nas distancias curtas é onde as revolucións se xogan o tipo.

Teatro Principal

Días: Hoxe

Horario: 21.00

Entradas: 15 e 12 euros

TEATRO: «PELOS NA LINGUA» | Prestixio de lingua morta

Unha cousa que entendemos moi mal en Santiago, precisamente aquí que temos unha universidade das de toda a vida, é o prestixio social das linguas mortas. Coñecer unha lingua morta é algo que concede unha prestancia que está moi por riba dos títulos. Ser o posuidor dun coñecemento que non está nin alcance, e moito menos ao uso, de todos fornece a quen poida presumir diso dunha medalla cun valor moi por riba das Castelao.

Debe ser por iso, pola importancia que o prestixio ten nunha sociedade como a galega, tan orfa de valores comerciais ou dunha economía con posibles, que hai tanta xente empeñada en considerar ao galego unha lingua morta antes de proclamar que a fala con naturalidade íntima.

As linguas mortas enchen as sociedades de catedráticos co seu virrete de entendidos e todos os galegos levamos un catedrático dentro. Un de grego, a ser posible.

En algún punto dunha febril planificación do porvir -que palabra- hai alguén pensado que todos os galegos deberían ser catedráticos dunha lingua morta chamada galego. Unha sociedade cunha gran cantidade de coñecementos filolóxicos que cheguen a crear rivalidades entre escolas pero que fagan imposible o uso. Pero a lingua é carnal e non sei por que habería que vivir nunha sociedade na que todo o mundo tivera perfectos coñecementos teóricos sobre o sexo pero non puidera usalo. O sexo, como a lingua, está ben na intimidade, pero queda fatal facelo a soas.

Salón Teatro

Días: Ata o domingo

Horario: De xoves a sábado:

20.30. Domingo: 18.00

Entradas: 10 euros

MÚSICA: LOS ETERNOS | Máis country que western

Ir ver como alguén imita a Freddie Mercury detalle por detalle non me parece moito plan. Para iso está o DVD.Unha das grandes vantaxes do rock and roll é que calquera podía tocalo, facelo seu. Colles tres acordes e vas dándolle ata que soe. O rock non é molesto, algunhas das súas estrelas si.

Los Eternos non teñen vocación de estrelas, como non sexa asociada a algunhas marcas de cervexas. O deles é rock sinxelo, directo, efectivo e sen florituras desas que deron tantas horas de gloria a periodistas musicais da prensa inglesa.

Agora están tirandos un pouco ao monte. En Galicia traducir country aínda non ten contraindicacións políticas, pero pode ter algunhas musicais. Para que non haxa erros de cáculo, Los Eternos andan raposeando polo country máis que polo western, aínda que as dúas cousas poderían moi ben representar nominalmente á musica feita en Galicia, este campo occidental.

Sala Capitol

Días: Venres, 8

Horario: 22.30

Entra de balde

Por Petición popular | Exposición Playmobil: Descender na especie

Que a corrupción española perdera categoría baixando dos maletíns aos sobres é unha demostración máis de falta de inversión en I+D+i.

O único Clic de Playmobil que vai por libre na exposición é o do maletín. Está rodeado pero non sabemos se pola súa seguridade ou pola nosa. O mundo dos bonecos é que como unha sociedade perfectamente organizada na que cada un ocupa o seu papel. Pero agora hai que imaxinar que comezará alguén a facer regulacións de emprego nesa tribo de indios e quedasen baleiras as ringleiras tan correctamente formados. Ou que quitasen un soldado romano de cada tres. Non hai imperio que aguante. Eu boto de menos aos Airgam Boys, que eran máis belicosos e tiñas mellores pernas para correr.

exposición playmobil

Días: Ata o 2 de marzo

Horario: De 10 a 22 horas

Entradas: De balde.