«Estamos na dirección axeitada para avanzar contra o cancro»

JOEL GÓMEZ SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Álvaro Ballesteros

Ve como máis importante «as terapias personalizadas»

23 ene 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

No ciclo dos Martes Clínicos da Fundación La Rosaleda, Xosé Bustelo tentou onte «dar unha perspectiva sobre que técnicas se poden utilizar para saber se unha proteína que supostamente está implicada nun cancro pode ser unha boa diana terapéutica, e ensinar metodoloxías usadas para identificar tumores de maneira máis adecuada, ou para frear o cancro», segundo explicaba antes de intervir. Este especialista galego exerce en Salamanca, nun centro do cancro da Universidade e do CSIC.

-¿Como valora a situación da investigación sobre o cancro?

-Do punto de vista científico hai en parte unha unha frustración, porque non se confirmaron moitas esperanzas que se tiñan hai uns anos de poder desenrolar inhibidores moi específicos para matar as células tumorais rapidamente. Os avances son máis lentos do que se esperaba. O positivo é que sabemos moito máis desas células tumorais, do seu xenoma, da posibilidade de secuenciar tumores de individuos antes do seu tratamento. Penso que estamos na dirección axeitada para avanzar contra o cancro. Temos que ser máis intelixentes que a célula tumoral e conseguir terapias máis efectivas, aprender dos fallos e do que xa coñecemos.

-¿En que obxectivos se centra máis a investigación?

-Penso que nunca vai haber unha solución máxica que cure todos os tumores. Haberá progresos concretos, e o ideal é buscar novas terapias que ataquen a un cancro concreto.

-¿En que se avanzou máis?

-Agora sabemos que se un tumor se diagnostica rápido e está ben localizado, con cirurxía, radioterapia ou quimioterapia se pode curar até nun 90 % dos casos. O problema son doentes que, por exemplo, chegan á clínica con metástase, e os tratamentos son menos eficaces ou imposíbeis, e a súa curación é do 10 %. O importante é desenrolar terapias para estes doentes que teñen menos esperanza, para que podan vivir máis anos e con maior calidade de vida.

-¿Cal ve, pois, como o maior reto neste ámbito?

-O máis importante será avanzar nas terapias personalizadas, saber todas as alteracións dun tumor concreto e, con terapias específicas, tratar de eliminar ese cancro, tanto a nivel primaria como metastásico.