Catorce estudantes de 15 a 17 anos do Hackerill Anglo-European College, da localidade de Bishop?s Stortford -situada entre Londres e Cambridge- finalizan o domingo un intercambio co IES Rosalía de Castro. Neste tempo melloraron a súa competencia de español, idioma que estudan como lingua estranxeira, e descubriron o galego. No próximo trimestre un grupo de estudantes do centro santiagués devolverá esta visita, e pasarán dúas semanas aló, para perfeccionar o seu inglés.
A diferenza desta iniciativa con outras semellantes é que ambos os centros acordaron intensificar os intercambios. É xa a segunda vez, e a idea é ter máis, afirman Ubaldo Rueda, director do Rosalía, e Carmen Millán, docente de español no colexio inglés.
Esta profesora foi a artífice do acordo: ela é de Santiago, estudou no IES Rosalía e tamén se licenciou en Filoloxía Inglesa na USC. Despois completou os estudos e fixo o doutoramento na Universidade de Birmingham (investigou as traducións de James Joyce para galego, por Otero Pedrayo, García Sabell e outros), onde coincidiu co profesor David Mackenzie, a quen lle tiña escoitado unha conferencia cando estudaba no Rosalía. Agora exerce profesionalmente neste colexio especialmente interesando no ensino de linguas: «No Hackerill Anglo-European College o alumnado pode aprender español e outros idiomas como francés, alemán, italiano, xaponés ou chinés», indica.
«Aproveitar ben o tempo»
Potencian os intercambios «porque o alumnado aproveita estes días para perder o medo a falar, e gaña confianza no uso da lingua estranxeira, cos colegas de aquí e coas súas familias, pois residen nas súas casas», indica. Os de Compostela tamén estarán con familias inglesas,
O grupo inglés estivo onte no Museo do Pobo Galego e no CGAC, e tamén visitarán outros espazos da cidade, da Coruña e das Rías Baixas, alén de asistir a aulas pola mañá no IES Rosalía para aproveitar ben o tempo, explica Carmen Millán.