«Estamos a traballar nun evento especial para o 2014»

nacho mirás SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

CONCHI PAZ

A Xunta pediu as exencións fiscais para celebrar o oitavo aniversario da peregrinación de San Francisco de Asís

21 oct 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Acaba de chegar de Armenia, convidado pola Organización Mundial do Turismo (OMT). José Paz Xestoso (Vilanova de Arousa, 1970), xerente da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo desde o mes de xullo, volve satisfeito por ter falado sobre o Camiño de Santiago ante representantes de máis de vinte países.

-Poucos quedan que non coñezan Santiago e o Camiño...

-Hai moitos países interesados en estreitar relacións con nós.

-¿Como resumiría o que supuxo a declaración do Camiño como Primeiro Itinerario Cultural Europeo? Conmemoramos o martes os vinte e cinco anos...

-Foi un espaldarazo definitivo a este rexurdir do Camiño, sobre todo grazas ao labor dos investigadores que traballaron nese sentido. Persoas como Robert Plötz, que estará o martes en Santiago, Paolo Caucci, Adelin Rucquoi, toda esta xente. Pensa que a declaración como Primeiro Itinerario Cultural é un pulo definitivo. O congreso de Armenia versou sobre valores universais e diversidade cultural, algo que o Camiño transmite perfectamente.

-Non haberá outro ano santo ata o 2021 ¿Perde forza a promoción durante eses intervalos?

-O Camiño está a acadar unhas cifras realmente importantes nestes últimos anos. Se botamos a vista atrás vinte anos, é espectacular. Independentemente dos anos santos, o Camiño vai precisar deste traballo e esta presenza nosa para que a xente siga a chegar. Os anos santos son puntos de inflexión, moi importantes, pero non debemos menoscabar ese traballo que se ten que facer no Camiño, no seu coidado, na súa protección e na súa promoción tamén. E non só en feiras, senón relacionándose, por exemplo, coas múltiples asociacións de promoción que hai polo mundo, como a holandesa, que é a maior de todas. Tamén quero adiantarte algo. Estamos a traballar nun evento que realizaremos no 2014, que xa está pechado e para o que xa temos solicitadas as exencións fiscais: o oitavo centenario da peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago. Xa estamos coordinados con Asís, en Italia, para comezar a mediados do ano que vén unha peregrinación que durará un ano. Faranse moitos actos, como o congreso do que falaba antes, e traeremos moitas actividades relacionadas co Camiño.

-¿Será un pequeno Xacobeo ou é moito dicir?

-Será outra cousa, con moitas actividades de tipo cultural. Se as exencións fiscais van para adiante, como parece, poderiamos patrocinar moitos actos.