«É bo que se faga un festival así cando moitos están recuando»

lorena franco bouza SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Gonzalo Iglesias

O grupo folk ourensán chega á praza da Quintana despois de ter participado no prestixioso festival de Lorient

21 ago 2012 . Actualizado a las 14:05 h.

Sindo Otero será un dos músicos que o 28 de agosto se suba ao escenario do Certame Folk que terá lugar en Compostela. Farao acompañado de Xan Seara, Pablo Camarero, Josele, David Cid e Adrián Rodríguez, o resto de compoñentes de Kérkennai, un proxecto que naceu na Baixa Limia en 1999 e que partindo da tradición musical galega busca aportar algo fresco e moderno ao mundo sonoro do país. Buscan un son «eminentemente galego» pero tamén universal e van no camiño de conseguilo. O seu bo facer vén avalado pola participación nas bandas sonoras de dúas curtametraxes e pola presenza en recoñecidos festivais internacionais, como o de Lorient.

-Teñen unha grande experiencia no estranxeiro e incluso tocaron en sitios tan exóticos como Marrocos...

-Si, curiosamente temos tocado en proporción máis fora que en Galicia. Fomos a unha xira co Instituto Cervantes. Encheunos de satisfacción que pensaran en nós. Iamos cun pouco de temor pero voltamos sorprendidísimos da reacción do público marroquí, moi entregado. A resposta da xente foi espectacular.

-A orixinalidade de Kérkennai radica en que a súa música é de creación propia. ¿Compoñen todos?

-Uns máis e outros menos, pero si. Creo que é máis enriquecedor como grupo. Botamos man de algúns temas tradicionais, pero moi pouco, porque non é a nosa filosofía.

-¿Que lles parece a iniciativa do certame organizado por La Voz de Galicia?

-Parécenos positivo que La Voz de Galicia se arrisque a facer isto nun momento en que moitos festivais están recuando por falla de apoios administrativos. Que unha entidade privada se anime parécenos espectacular. Por iso desde o primeiro momento lles dimos o noso apoio.

-¿Que van ofrecer no concerto?

-Será unha mostra dos «doce máis un anos» que levamos actuando. Faremos unha recolla dos nosos dous discos e presentaremos algo novo, algunha sorpresiña haberá. Queremos amosar o traballo destes anos coa influenza de toda a xente que pasou polo grupo para que quen non nos coñeza saiba en que consiste a filosofía Kérkennai.

sindo otero músico e membro fundador de Kérkennai