As sorpresas de medir

XAVIER ALCALÁ ENXEÑEIRO E ESCRITOR

SANTIAGO

15 ene 2012 . Actualizado a las 06:00 h.

Hai uns anos, o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de España fixo unha campaña de información fronte a outra desinformativa contra as estacións de radio base da telefonía celular. Enxeñeiros acompañados de radiólogos foron explicando polo país as diferenzas entre radiacións agresivas e as que pouco poden significar por frecuencia ou potencia e, nin sequera, por dose malia facer un uso abusivo dos medios.

Daquela, ás veces, en conversas de técnicos tratábase dos efectos das redes eléctricas sobre a saúde. Mais as alarmas dos profesionais non transcenderon.

Co tempo, sen embargo, houbo que peritar en conflitos entre empresas de telefonía móbil e cidadáns hipoteticamente afectados polas microondas.

E xurdiu un caso notorio: un veciño dun edificio queixábase dos efectos dunha estación de radio montada no teito. Investigadas as razóns de queixa, descubriuse que estación estaba apagada, non radiaba; mais que preto do predio pasaba unha liña eléctrica de media tensión e moita potencia.

Seguiron os casos de baixa frecuencia e descubríronse curiosidades, non só a respecto de tendidos eléctricos próximos ás casas -liñas e transformadores- senón en relación ao cabeamento interno das vivendas.

A enxeñería de medida e interpretación axudou a facer mapas preocupantes da inducción, que se mide en «microTeslas». Sendo 0,3 unidades o límite recomendable, nalgunha vivenda próxima a unha liña de alta tensión chega a 0,9.

¿Que lles pode pasar aos seus habitantes cunha dosificación continua de campo moi penetrante?

Outro mapa sorprendente é o do campo eléctrico dunha lámpada de mesiña de noite. Coa luz apagada, o enchufe emite un sinal que alcanza os 12 voltios/metro (v/m)na cabeza do usuario. A medida fica por baixo do nivel aceptable, 30 v/m; mais cando se prende a luz chéganse a medir 90 v/m.

Ben. Non é que vaiamos abandonar o pracer da lectura na cama (e agora menos, cando podemos ler La Voz comodamente nunha taboíña dixital) pero nada escusa a investigadores e Administracións o se pronunciaren encol do que ten indicios de perigo para a saúde.

Previr sempre será mellor ca lamentar.