Tras o éxito de Retorno a Natura, a súa anterior obra, o escritor de Lestedo (Boqueixón) viaxa pola paisaxe galega máis íntima no seu novo libro, Máxico tear natural, no que plasma unha viaxe moi persoal por Galicia. Ao longo de 23 etapas, Xosé Manuel Lobato transmite súa fonda experiencia coa paisaxe que o rodea. As fragas do Eume, Fisterra, Montefurado, Pambre, Cortegada, San Simón, a Raía ourensá ou o Pico Sacro son algunhas delas. Esta obra, segundo o seu autor, «é unha continuación de Retorno a natura, o libro anterior, que é, penso, un clamor na reivindicación da defensa do noso medio natural. A partir de aí saíu este, que ten o mesmo enfoque pero non é tan reivindicativo». Lobato considera que seu libro «responde á demanda dos lectores, con historias curtas. Podería ser unha novela pero tamén é guía». Para o escritor, «o feito é que Galicia non é coñecida polos galegos, e aí nace tamén o espírito do libro».