«O mundo rural é a forxa dunha forma de ser»

m. b. santiago / la voz

SANTIAGO

«Veño da montaña para verte / e traio o lume que ardeu toda a tarde, / o brillo da ollada do meu gato, / o viño saboroso, o silencio da cociña. / Veño da montaña para verte / e amarte». Estes son os último versos do poema Veño da montaña, de Vicente Reboleiro, cuxa lectura inspirou o libro Xunguidos á terra, da Editorial Tribaldes, que onte foi presentado na Librería Couceiro. O libro é un resume estacional que Xan G. Muras escolle do seu arquivo de fotos feitas por toda Galicia, ilustradas con catro retrincos de poemas, a modo de presentación das estacións, máis o poema mencionado. Un poema que, para Muras, «é o cerne do carballo que terma das imaxes, a correola que cingue o ramo que proclama o amor». O poema é como un ramo de flores, igual que as fotos de Xan «un ramo de visións e sensacións da montaña». En Xunguidos á terra o autor tamén rende homenaxe á aldea, ó rural, que di, «é a forxa duna forma de ser».