Lusco e Fusco é unha proposta circense, de danza e teatro, combinados de xeito que non se pode definir cun só xénero. Fredi Muíño, Circanelo e Pablo Reboleiro, Trasno, son os compoñentes deste grupo que presentará o seu espectáculo Encontros hoxe ás 20 horas no cemiterio de Bonaval.
-¿Como se lle propuxo formar parte do festival?
-A través de Pista Catro. Supoño que o feito de ter gañado varios premios influíu.
-¿Que opina da programación deste ano? ¿Bota en falta algo?
-Creo que é moi reducido con respecto a anos anteriores. Preferíamos o Santiago de antes, co Gorra, o Festiclown e o En pé de pedra. Ao tratar de aglutinar todo nun a través de empresas privadas que o xestionan perdeuse. Perdeuse participación cidadá e a organización de antes, a través de amizades de artistas, que tamén implicaba depender menos de orzamentos do Concello.
-¿Actuación en sala ou na rúa?
-Esta é unha proposta para sala, pero o mercado encárgase de poñelo onde quere, e nós adaptámonos.
-¿Que lle parece entón o escenario do cemiterio de Bonaval?
- Marabilloso, precioso. Unha das cousas boas deste Festival dos Abrazos é que abriu máis espazos da cidade. Dende arriba ademais, pódese ter outra perspectiva do espectáculo.
-Defínenos como espectáculo de circo. ¿Onde queda a típixa imaxe do paiaso coa torta?
-Todo é unha evolución. Ao principio empezas con teatro de gorra, que é unha mestura de artista e buscavidas, o que limita un pouco a proxección artística. Pero o circo en Galicia xa está a outro nivel, xa non se pode dicir que estea xurdindo. Hai cada vez máis propostas orixinais, que son necesarias para saír do ámbito galego, xa que se non propós nada novo non interesas fóra. A nivel cultural, para ser rendible hai que exportar máis do que se importa.
-¿Por onde se moven nas súas xiras?
-Pois ultimamente bastante por Euskadi. Tamén Valladolid, onde gañamos o Festival Tac, Sevilla e iremos a París en outubro.
-¿Que se vai atopar o público en «Encontros»?
-Un universo moi particular, onde dúas persoas cun conflito moi clásico e cun xeito de tratalo e resolvelo moi particular. Como as pequenas reaccións xeran movemento. É unha danza teatralizada ou un circo moi bailado. A xente dos diferentes xéneros sempre nos ve con cousas doutros, pero non dos propios. Transmitimos unha imaxe optimista sobre as relacións humanas, algúns din que educativa.