«Curramos e pasámolo ben»

concha pino SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

As famosas Babel de Tórculo «foron a xénese da revolución editorial»

04 jul 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

O avó paterno de Jacobo Bermejo Barrera era maragato. Estableceuse en Compostela e montou a droguería Bermejo na Caldeirería, «pero meu pai rachou coa traxectoria comercial facendo a carreira universitaria, e os meus oito irmáns están ligados á docencia e á investigación universitaria». Pero neste empresario que montou Tórculo hai preto de trinta anos debeu prevalecer o xen maragato.

Compostelán «dos poucos que nacín e desenvolvín na cidade toda a miña vida», asegura que é moi agradable «poder ir construíndo unha historia como a que máis ou menos me acompaña nun sitio tan pequeno como Santiago».

Empezou a traballar en febreiro do 82 cun amigo que o deixou ao pouco tempo. Montaron un taller de encadernación nun piso na Algalia de Arriba aprendendo dende cero. «Currei moito, pero nos anos 80 currabamos e tamén o pasabamos moi ben, participando dun ambiente universitario moi activo, con amigos como como Chichi Campos ou os da Orquestra Valdeorras, cos que montamos festas nesta praza que foron verdadeiras verbenas».

Libros no momento

Eran as famosas Babel, «a xénese do que hoxe é a gran revolución do mundo editorial, facer un libro no momento. A primeira foi no pub A Ofisina. Levamos alí unha encadernadora e unha fotocopiadora e ao final no acto facíase un libro con follas nas que a xente, entre os que había pintores, escritores e personaxes da farándula, pintara o que se lle parecía. A idea sempre foi montar as festas ligadas á posibilidade de facer libros con fotocopias».

A segunda Babel foi no Número K, e ao ano seguinte celebraron un congreso sobre a fotocopia «moi sesudo, con ponencias e todo iso». Despois viñeron as festas abertas en Mazarelos, unhas tres «con palco da música e cañas de cervexa a esgalla, porque por cada cen fotocopias dabamos un vale por unha caña, e ao final dabámola sen vale nin nada. Sorprendíame como se podían dar tantas cañas con catro barrís de cervexa».

O empresario

A empresa foise ampliando a outros ámbitos fóra da Universidade, na que Tórculo tivo o primeiro contrato do servizo de fotocopias ata o ano 93.

O foco histórico de Tórculo na praza de Mazarelos permanece. «Era como un submarino. Tiñamos quenda de noite, unha especie de sistema de camas quentes, para sacar o traballo», rememora Jacobo. O primeiro gran salto dérono a Rosalía de Castro e despois ao Polígono do Tambre, e quedamos co local de Mazarelos, «e boto de menos isto, sobre todo vir andando a traballar, porque o polígono e impersoal».

Di que, como é lóxico, non ten a mesma visión que aos 15 anos, «pero reivindico aqueles anos, nos que aprendín moito, tanto os que pasei en La Salle como os da militancia política. Sigo considerándome un home que ten unha serie de valores dos que me sinto orgulloso, pero ás veces síntome en terra de ninguén, porque para uns son un fodido empresario e para outros un fodido roxo. Ética e sentido común, son dous principios que manteño».

Tórculo é o resultado, segundo o seu fundador e responsable, «dun modelo no que estivo sempre moita xente implicada. É unha organización con máis de 60 traballadores e case trinta anos, e os conflitos son inevitables. O máis difícil da xestión son as persoas. Creo na participación e a implicación na empresa, pero tamén no compromiso. E ou se avanza por aí ou non hai moitas saídas e, dende logo, non é o modelo nesta época de neoliberalismo económico. Penso que só se pode mellorar pola liña da ética na xestión empresarial».

«O espírito transgresor dos 80 en Compostela foi moi interesante e moi simpático»

Jacobo Bermejo lembra que a fotocopia estaba vinculada ao cutre, aos apuntes estudantís, «pero ademais de facer iso, claro, fomos facendo outro tipo de cousas, como os primeiros libros con ISBN con encadernación e tiradas pequenas. Foron uns anos nos que se aportaba certa frescura, porque eran actitudes transgresoras, dende montar congresos artificiais ate crear personaxes como Avelino Abelleira».

O tal personaxe ten unha historia simpática que nace en Portugal, nunha viaxe na que topa unha foto antiga dun señor anónimo. «Decidín colocala detrás da miña mesa na oficina, coa coña de que a empresa tiña que ter algo de historia. E todos preguntaban se era meu avó. Ate que un día entrou Chichi Campos inspirado e recuperou un personaxe que certo día crearan e bautizar con ese nome entre el, Luís Mariño e os Álvarez Cáccamo.

Avelino Abelleira

Fixeron un xornal «e Xosé Manuel Roca escribiu unha historia inventada segundo a que Avelino Abelleira formara parte da Xeración Nós, pero tivera que emigrar porque nos anos 30 acusárano de homosexual no círculo estreito do nacionalismo».

Fixeran carteis e camisetas centradas neste personaxe. «Montouse un cristo, porque ate había quen aseguraba que o tal Avelino tiña libros publicados. Chegáronnos a chamar dunha consellería preguntando quen era aquel home, e tamén houbo quen se enfadou moito, porque consideraba que era unha provocación. Deunos a risa, pero se chegamos a aguantar un pouco dedícanlle un día das letras (ja, ja, ja...). Aquel espírito transgresor dos 80 foi moi interesante e moi simpático».