No Obradoiro ergueuse un grupo de asemblearios que buscaba o consenso mediante reunións. Ademais, os indignados aseguran que en todo momento se sentiron arroupados polos veciños de Santiago, e refírense ao trato recibido pola Policía Local como «bastante humano». Os indignados de Compostela están de acordo en que a súa experiencia non foi «nada comparado con Barcelona».
Baixo a lona escura do punto de información, e durante máis de 40 días, estiveron repartindo o manifesto ideado polo colectivo Democracia Real Ya e panfletos con novas ideas para poñer fin a unha «crise sistémica» que condena ás novas xeracións a un futuro precario. Iniciativas ás que chegaron a través da unidade de consenso.
A acampada dos indignados mudou moito desde os seus comezos. As vindeiras semanas serán «de descanso», aseguran desde a asemblea, pero pretenden trasladarse ás novas tecnoloxías e desde alí continuar con medidas que os «acheguen á xente», para lembrarlles que tamén eles son cidadáns de a pé.