A artista modelo

La Voz

SANTIAGO

22 jun 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

A beleza de Lee Miller rivalizou sempre co seu talento. Amante e musa de Man Ray, Miller é precisamente unha das mulleres reunidas pola escritora Francine Prose no libro titulado «Vidas de las musas», no que a fotógrafa integra un dispar reparto xunto a Alice Lidell (inspiradora do clásico «Alicia no país das marabillas»), Gala Dalí ou Yoko Ono.

Sería unha simpleza reducir a Lee Miller ao papel de musa, pero a repercusión do seu traballo como modelo, que comezou nos anos vinte do século pasado, non foi algo anecdótico. Disque foi a primeira muller en poñer cara e figura á promoción de artigos para a hixiene feminina. Aí están, tamén no vasto mundo virtual, os seus ollos claros, inmortais nun retrato do seu amante Man Ray, e o seu corpo metido na bañeira de Hitler nunha imaxe de David Scherman. Mais neste rostro non só pousaban uns ollos ceo, senón que habitou unha das olladas surrealistas máis singulares do século XX. A que recupera agora Novacaixagalicia.