O mar que abraza o mundo

> Ana Abelenda ana.abelenda@lavoz.es

SANTIAGO

Una de las imágenes que integran en la exposición «Fillos do océano», que se puede ver en Barbadás
Una de las imágenes que integran en la exposición «Fillos do océano», que se puede ver en Barbadás

Varios talleres achegan aos escolares unha diversidade de culturas artesanais

08 jun 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Que o mar é cultura ben o amosan as obras de grandes escritores como Melville ou Hemingway, quen precisou pouco máis de cen páxinas para contar todo o que se precisa saber acerca dun vello que pescaba só na corrente do Golfo e levaba oitenta e catro días sen coller un pez. A precisión coa que o nobel dá conta no seu célebre relato O vello e o mar de cada un dos ademáns e movementos do vello sen malgastar palabras é un exemplo para os comunicadores e un espello para os que coñecen o mar dende as súas fauces, os que saben como é por dentro ese medio que proporciona, ademais de literatura, alimento e enerxía. Pero quizá sexa máis exacto dicir que o mar é culturas, así, cun ese final, unha pluralidade de xeitos de vida con singularidades e trazos comúns. Achegar o mar aos novos a través da dinámica do xogo e as artes plásticas é o obxectivo da proposta de Novacaixagalicia na sede ferrolá da Fundación Caixa Galicia (981 330 280), que acollerá ata o 4 de setembro diversos talleres en torno á exposición Fillos do océano, un proxecto documental co que o artista Javier Teniente achega ao espectador a forma de vida de pescadores artesanais de diversos lugares do mundo, como a India, Senegal, Vietnam, Sri Lanka ou Madagascar, sen deixar á marxe Galicia e toda a súa tradición pesqueira. Concibido como un homenaxe aos pescadores artesanais que viven do mar e para o mar e que manteñen sobre o movemento das ondas o equilibrio da supervivencia, esta exposición fotográfica que ofrece agora Ferrol tras o paso por Vilagarcía pretende ser unha chamada ao compromiso. A contaminación e a actividade pesqueira irregular e indiscriminada están poñendo en perigo un medio que alimenta moitas culturas e moitas familias. O respecto a un medio natural que non nos pertence e o desenvolvemento sostible é un dos retos que non quere pasar por alto este proxecto no que Teniente comparte a comunicación da cultura do mar dende dentro, como só poden coñecelo os seus fillos. A viaxe é unha aventura que vai dende o manexo da almadraba, en Barbate, ata a degustación dunha salsa de anchoa que se vén elaborando dende hai 200 anos no pobo vietnamita de Mui ne. E no camiño, moito mar.