Contos e regalos

La Voz

SANTIAGO

«Cando un neno escolle un conto é como se abrise unha caixa de regalo onde non sempre sabemos o que imos atopar». Iso advirte nun artigo accesible na Rede a autora de literatura infantil Beatriz Fraga, un dos membros do xurado que vén de outorgar o Premio Literario Escolar Novacaixagalicia. Os contos son un regalo imperecedoiro capaz de descubrirnos lugares, personaxes e historias á medida sen medida dos soños, e tamén de abrir novas fiestras cara á realidade.

Da fascinación que a escritura pode exercer sobre as persoas dá boa conta outro dos membros do xurado deste premio que suma a súa cuarta edición. Dores Tembrás parece terse convertido xa nunha parte da mesma Alejandra Pizarnik, que a atrapou, segundo conta na súa páxina web, hai más de dez anos na rede sutil da súa poesía. A xente segue precisando da lectura, e os xenios non deixan de agromar, por máis que persistan os baremos que queren medir o talento en base á comparanza. A xente precisa así mesmo do exercicio da escritura. A proba está en que nesta edición do certame participaron máis de 300 traballos de ata 134 centros escolares de Galicia. Por provincias, a participación máis alta corresponde a Pontevedra (134 alumnos), seguida da Coruña (100), Ourense (57) e Lugo (32). Por niveis, o grupo con maior participación no certame é o de alumnos de primaria (51 orixinais), seguido de primeiro ciclo de ESO (36), segundo ciclo de ESO (32) e bacharelato (16). A participación segue medrando.