A visión dos demais

La Voz

SANTIAGO

11 may 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Como complementos para coñecer mellor a Lois Pereiro, ademais de ler a súa obra, non está de máis coñecer o que del e da súa poesía opinan outros poetas contemporáneos, bos coñecedores da obra e da persoa.

? «A voz dun home amarrado ao ?noray? da vida»

«A voz poética de Lois Pereiro é a dun home amarrado ao noray da vida como un mariñeiro de Jack London. Un licor que cando se degusta xa non se pode abandonar e que nos acompañará como unha única sombra ata o final. A palabra dun poeta que cruzou as selvas de Indonesia en compañía de Conrad, despois de sobrevivir a un tifón no mar de China», di Lino Braxe, amigo e director do audiovisual Mundo Lois.

? «Tiña a arte de descubrir tesouros»

«Eu véxoo moi relacionado coa Rosalía máis íntima, é desa estirpe, ten esa calidade, sobre todo con algúns poemas de Follas novas, pero no seu tempo e dende si mesmo», di Manuel Rivas, que tamén engade: «Hai persoas que non son gurús nin van de chamán, pero onde pousan a mirada vale a pena fixarse. El tiña ese instinto. Mentres os demais estabamos pendentes da actualidade e do que saía, el tiña a súa propia mirada. Carecía de prexuízos e condicionamentos, tiña a arte de descubrir tesouros»

? «Afunde as súas raíces na tradición alemá»

Antón Lopo, poeta e tamén monfortino como Lois, considera que «o que diferenza a Pereiro dos poetas da súa xeración é precisamente que afunde as súas raíces na tradición alemá. Era devoto da poesía alemá e de escritores como Thomas Bernhard o Peter Handke. Tiña unha visión moi xermánica, allea á visión xeralista que había en Galicia na súa época».

Afirma tamén que, «coa perspectiva de estes dez últimos años xa se comprende, pero sobre todo acéptase e recoñécese o gran poeta que é». Lois Pereiro deixara os estudos de Socioloxía pola Escola de Idiomas, e os seus coñecementos de inglés, francés e alemán permitíronlle facer traducións. «Ese achegamento ás linguas, sobre todo ao alemán, é patente na súa obra», segundo Lopo.

? «Innovador, urbán e europeo»

«Era extraordinario -manifesta o poeta Xavier Seoane-, como amigo e como poeta. Deixou unha obra que foi innovadora no seu momento, urbana e europea, que reflectía moi ben a crise, a crispación e a violencia estrutural do noso tempo».

Seoane tamén subliña «a angustia» que impregna os seus poemas e «a rabia expresiva». «É unha obra cunha gran carga existencial que nace das entrañas, do fígado, do corazón, do cerebro, con esa forza dura e áspera, coma un artefacto ou unha máquina portuaria».

«A súa linguaxe supuxo unha novidade na poesía galega naquel momento. Falaba de rock, de drogas, da dureza da vida contemporánea», engade Xavier Seoane, quen opina que hoxe Lois Pereiro «é respectado e valorado polos que entenden verdadeiramente de poesía». «A súa morte prematura», lamenta, «truncou a súa vida e obra, e impediulle desenvolver todo o que levaba dentro».