María Mera: «Ao pico Sacro aínda escapo agora»

SANTIAGO

María reparte o seu tempo de lecer entre Boqueixón e Vedra, concellos próximos a Santiago, lugares de boas vistas onde os recordos discorren canda o río Ulla

25 feb 2011 . Actualizado a las 12:02 h.

| Hai veces nas que a propia paisaxe conta historias. Fala de lugares íntimos descubertos por cada quen, ao seu tempo. María Mera (1986) naceu no concello de Boqueixón, aínda que dende os tres anos vive noutro próximo: o de Vedra. Nunca perdeu a conexión co primeiro, coa casa dos avós e, di tamén, a natureza marcou a súa infancia. Conserva agochos que foron da nenez aos que aínda escapa agora, por residir preto deles e porque non é doado encontrarse con un mesmo en calquera lado. Un deles é o pico Sacro, en Boqueixón, que agasalla dende os seus 530 metros de altitude, ademais de con lendas, cunhas vistas de impresión: «toda a comarca de Santiago, a catedral... O Pico tráeme lembranzas de domingos en familia, cos pais, os avós, as merendas...». Sendo unha nena, María quedaba tamén «pasmada» na Ponte Gundián, en Ponte Ulla (Vedra). «Sempre me gustou ver como pasaba a auga. Sentada nun banquiño ou nunha pedra, dende os 84 metros da ponte, miraba o río, brusco, levando follas... Alí vai moita xente e mesmo se fai puenting».

A ela encantáballe ir á escola e era aplicada, así que outro dos seus recunchos é ese, o pequeno centro de San Xulián de Sales (Vedra), onde segue dando clase a que foi a súa mestra. Xusto ao lado, no campo da festa desa parroquia, concentrábanse os festexos e outros entretementos. A actriz anda agora plena de actividade: co seu papel de Salomé; á espera de rodar novos capítulos da serie Matalobos, de Voz Audiovisual (emitirase proximamente a terceira temporada); coa vista posta nunha tv movie; facendo probas e estudando xornalismo a distancia. E entre todo iso, visita estes lugares que amosa, «emblemas da comarca» que lle devolven o mellor doutra época.