Parece que o estou vendo:alto, elegante, impecablemente vestido, en pé sobre a tarima da aula magna da Escola Normal de Maxisterio de Santiago, dende a que admirabamos, nos descansos das clases, a magnificencia pétrea da praza do Obradoiro. As pernas separadas, levemente inclinado cara diante, buscando a proximidade dos alumnos, e os brazos, prolongacións do seu verbo cálido e vehemente, sempre en movemento, debuxando no aire a xénese dunha borrasca ou o suave perfil do relevo galaico. Cordial sempre e respectuoso con aqueles xoves alumnos que nunca perdiamos as súas amenísimas leccións e incluso, en ocasións, levabamos invitados desexosos de disfrutar do seu indiscutible maxisterio
Da súa boca oín por primeira vez expresións que tiñan para min o engado do descoñecido: doldrum, jet stream, escalón de Santiago, openfields, bocages, metecos, Lex Ogulnia. El me explicou as teorías sobre a formación das rías e quen foran os periecos e as imperfeccións da democracia na Grecia clásica.
Tiven, moitos anos despois, ocasión de achegarme a el nalgúns cursos do Instituto de Ciencias da Educación e incluso de abordalo pola rúa ou paseando pola Ferradura de Santiago, traballosamente, pois andaba rápido e a grandes zancadas, para saudalo e preguntarlle algunhas dúbidas referentes á didáctica da xeografía. Lembro un dos consellos que me regalou ao tempo de rexentar eu unha escola na localidade de Cabo de Cruz, en Boiro: que levase aos meus alumnos á cima do Monte da Curota e dende alí, á vista daquela magnífica panorámica, explicase o mapa das rías baixas; asegurábame que nunca esquecerían aquela lección.
Amou el as rías e os ríos, e en especial ao seu, o río Miño, que nacía, creo lembrar, nun predio montesío que antano fora da súa familia, alá nas terras do interior de Lugo, onde se departen as cuncas fluviais do Eo e o Miño. Mantivo sempre o profesor Río Barja que este nacía baixo o pedregal de Irimia, preto de Meira, e non en Fonmiñá, como recollía a xeografía oficial, e para demostralo tinguiu un día as cristalinas augas daquel manantío, que ao cabo dun tempo emerxeron no gurgullón de Fonmiñá. Había algo máxico neste peculiar trasego de caudais soterraños que xorden e desaparecen misteriosamente nestas terras, entre Meira e Miranda, alá onde Cunqueiro ubicara a moradía de Merlín, o máis grande dos sabios de antano. Recordareino sempre con gratitude, admiración e respecto, querido profesor Río Barja.