Borja F. Caamaño, coruñés afincado en Compostela onde traballa no audiovisual de cámara e guionista, ten nas librerías a súa terceira obra literaria, En tierra de nadie , unha novela na que a vinganza e o amor son ingredientes claves na historia «dun antiheroe total». Vén de publicarlla a editorial Hiria, de Donostia, e chega despois da novela Inside e un libro de relatos, Córam Pópulo .
-¿Que tipo de novela escribiu?
-É xénero negro. O tema é a redención dun camello, e como quería que o lector o odie, move heroína, o peor dese ambiente. A historia é como chegou a iso e como trata de saír.
-¿Porlle a etiqueta de escritor maldito sería moi forte?
-Si, porque agora penso que todos somos malditos, bueno, case todos os que queremos facernos un sitio. Se cadra pola cultura da televisón.
-Con halo romántico no seu caso.
-Si, unha das tramas é o amor condenado, o amor como ferramenta, e como o motor que impulsa para seguir vivindo. Pero non é telenovela.
-Fala galego, pero escribe en castelán. ¿Por que?
-Síntome máis cómodo cos diálogos. Falo galego, pero son castelán falante, e non domino expresións. E porque en teoría, se queres ter presenza en librerías escribe en galego, e se queres vender é máis eficaz en castelán.
-¿E vende?
-Non. Son editoriais pequenas, con pouca distribución, e escapo da autoedición, que me parece unha lacra.