«A xente dá por feito que adaptei Solomon Kane ao cómic, e non é así»

N.M. SANTIAGO/LA VOZ.

SANTIAGO

Solomon Kane, o heroe creado por Robert Howard, ten como cometido combater o mal en todas as súas formas. O personaxe ubicado no século XVII adopta agora un novo aspecto da man de David Rubín, que onte asinou na libraría Komic exemplares da nova edición do clásico.

-¿Que tal está funcionado o novo libro?

-Moi ben, na Coruña esgotáronse os exemplares que había á venda para asinar. O curioso é que a xente dá por feito que se trata dunha adaptación ao cómic da obra de Howard, e levan unha sorpresa cando comproban que é un libro, narrativa con ilustracións. Tendemos a etiquetalo todo e, como eu son autor de tebeos, a xente pensa que se atopará un tebeo.

-¿En que máis anda?

-Sigo traballando na novela cómica O Heroe, confío en que estea rematado a finais deste ano ou a principios do que vén. Teño moita fe nel porque é algo moi diferente do que teño feito ata o de agora, son case catrocentas páxinas de cómic, é unha nova aventura.

-¿Que tal resultou a colaboración co guionista Kike Benlloch para editar un tebeo sobre a figura de Uxío Novoneyra?

-Moi ben tamén. Foi editado co gallo do Día das Letras galegas e agora estase distribuíndo de balde nas feiras do libro que se celebran por toda Galicia. Editáronse sete mil exemplares e, como son gratis, esgótanse de contado. Estou moi satisfeito co resultado.