Entre os desaires protuberantes desta primavera está a contratación de José Mourinho por parte do Real Madrid. La Voz cifra en 128 millóns de euros a operación: unha indecencia nestes tempos críticos. Pero non importa porque fútbol e moral hai anos que camiñan vías contrarias. A moral predícana os políticos dende os seus múltiples púlpitos: para nada. Mentres gritan que apretemos o cinturón, mentres baixan cinco puntos porcentuais o soldo dos funcionarios, mentres o país en paro se desangra, mentres contemplamos a palabra crise en todas as sopas de letras do presente... aparece Mou. ¿Observaron onte o seu rostro anxelical? É actor excelso. Espectáculo en estado puro. Enche periódicos e dá traballo a miles de persoas en todo o mundo: grazas a Mou, e outros, o circo mantén a atención do público. Incluso é capaz de impulsar nos comentaristas do circo expresións laudatorias de índole psíquica. Pasou Mou de ser un pequeno diaño a se converter en paradigma de virtudes. Á prensa de Madrid só lle falta canonizalo. Pasou de maleducado a xentilhome, de profeta do catenaccio a émulo da estética futbolística. A min non me gusta Mou, e teño tanto dereito a significalo como teñen os seus apoloxetas a santificalo. Incluso afirmo que se fose adestrador do meu equipo, prometo, nunca máis habería de acudir a un partido de mío Barça. Chega Mou e deixa a vil sentenza: «Bonito bonito bonito es ganar en el Real Madrid». A súa concepción do deporte resúmese nese lema, non ten outro. Mou non é paradigma da ética. Resultará letal para os nenos aficionados ao balompé. Insultante para todos os que aman o xogo limpo. Maquiavélico no sentido máis lato do termo. Listo, pero carente de escrúpulos deportivos. Altivo. Anoréxico de espírito olímpico (iso que tanto loan os programas educativos). Non sabe perder. E aínda que pareza o contrario: tampouco sabe ganar. Non te amo, Mou.