Bertamiráns, capital da lingua

E. Araújo SANTIAGO/LA VOZ.

SANTIAGO

A Deputación escolle o municipio de Ames para a terceira festa a prol do galego que ata o de agora celebrábase na Coruña

08 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A terceira edición da Festa da Lingua, que promove a Deputación, sae por vez primeira da capital da provincia para visitar Bertamiráns, capital de Ames. Con esta decisión arranca unha nova etapa desta festa a prol do galego, que en vindeiros anos recorrerá as vilas principais da provincia para fomentar o uso do galego na vida cotiá.

Predicando co exemplo, o responsable de Normalización Lingüística da Deputación, Xoán Manuel Sande, visitou onte Bertamiráns para dar a coñecer o programa do vindeiro día 28, unha xornada na que, ademais de Ames, tamén participarán os concellos de Santiago, Teo, Oroso, Rois e Dodro. Representantes políticos destes municipios e técnicos dos departamentos locais de Normalización Lingüística acudiron á chamada da Deputación para expresar o seu apoio ao galego, e por elo á terceira Festa da Lingua.

A festa do galego celebrarase por cuestións de aforo na Casa da Cultura de Bertamiráns a partir das 20.30 horas. A gala estará presentada pola xornalista Belén Regueira, que dará paso a varias actuacións. Regueira e mailo poeta Carlos Negro, veciño de Ames, darán lectura a un manifesto de apoio ao galego. Ademais, María Ordóñez, da compañía Talía Teatro, interpretará o monólogo Nin en soños de Sechu Sende . Despois dela, Celso Fernández Sanmartín contará o conto Bicoca de boca en boca. A banda de Balbina e o grupo Espido, formado por Guadi Galego e Guillermo Fernández (Berrogüeto) completarán o programa.

A gala servirá para facer entrega do premio Rosalía de Castro, unha mención sen apoio económico pero que destaca ás figuras que traballen e loiten polo galego. O día 21 saberase o nome do gañador.