Foi nos anos 30 cando Autocares Mosquera comezou a xestarse e hoxe, cunha flota de 32 autobuses, xa está á súa fronte a terceira xeración
14 mar 2010 . Actualizado a las 02:00 h.«Mosquera, Mosquera, la empresa que prospera». Na nave de Autocares Mosquera no Polígono do Tambre aínda se escoita de cando en vez este retrouso tan repetido na Televisión de Galicia. E é que a mediados da década dos 90, foi a única empresa de transporte que cedeu un autobús para un programa de cámara oculta. «Dicían que non porque había que instalar cámaras dentro. Estiveron gravando 15 días e ata nos meteron un cadaleito dentro do coche», lembra Leandro Mosquera, Kiko, que hoxe en día dirixe o negocio. O seu fillo José Antonio aínda intenta hoxe recuperar aquel vídeo que os fixo famosos. A das bromas televisivas é a anécdota graciosa, pero tamén as hai románticas. Autocares Mosquera naceu da capacidade emprendedora de dous irmáns, Leandro e José Benito, que na década dos 30 dedicábanse ao transporte de gando. Un día pararon nunha fonda de Vila de Cruces e namoraron das fillas do taberneiro. Casaron para fóra, como se adoita dicir, e Autocares Mosquera estableceu a súa sede na comarca do Deza. «Estamos mirando de vender os dereitos para unha película», chancea José Antonio, que dende hai máis de dez anos fai as veces de director comercial da firma, «aínda que xa sabes como son as empresas familiares, todos facemos un pouco de todo». El comezou no mundo dos autocares na súa etapa universitaria. «Todos os veráns facía de guía correo, pero para outras empresas de transporte». Facíase cargo de grandes grupos de turistas e andou toda Galicia e boa parte de España. A experiencia valeulle de moito para xestionar a firma do seu pai. «Ao saber como funcionan as cousas, se chega algún empregado ou condutor con algún problema xa sabes de que vai». El apostara polo maxisterio e a psicopedagoxía, pero ao final o transporte puido máis. «Disfruto co meu traballo», sentencia. «Para min é unha paixón». Boa conta diso dan as fotografías, os carteis e as maquetas de autobuses do despacho. O seu pai, pola contra, comezou moitísimo máis novo na empresa familiar, con só 14 anos. Foi el o que se arriscou e apostou por ampliar o horizonte de Autocares Mosquera. Trasladouse a Compostela no Xacobeo do ano 1993. Agora, con 60 anos, non ten claro que vaia xubilarse. «Sen un pouco de cheiro a gasoil non paso», explica, para despois chancear que «total, agora Zapatero tampouco nos deixa xubilarnos aos 65». O seu fillo teno claro. «É feliz entre os autobuses, se lle quitamos iso acabamos con el». Son xa tres xeracións as que levantaron este negocio, e semella que hai en camiño unha cuarta. «Aínda queda tempo para sabelo», explica José Antonio. Son os tres cativos que, con cara de trasno, miran ao avó dende unha foto pousada na mesa do seu despacho.