O máster de profesorado non sabe que institutos darán as prácticas

C. P.

SANTIAGO

O coordinador do programa na USC, Xulio Rodríguez, entende «que o descontento do alumnado sexa grande»

01 mar 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Cando falta arredor dun mes para o inicio do período de prácticas dos alumnos que estrearon este curso o novo máster de profesorado de Secundaria Obrigatoria, Bacharelato e de Escolas de Idiomas, as universidades aínda non saben en que institutos e centros privados concertados se vai realizar. Algúns centros están pendentes de que o claustro decida se van querer alumnos en prácticas ou non.

O retraso neste proceso de selección de centros está en consonancia co comezo do máster, o 18 de xaneiro, e cos axustes que o propio Ministerio de Educación tivo que facer, reducindo un 35% a docencia presencial, pola tardanza nas decisións para poñer en marcha este máster que substitúe ao histórico Curso de Adaptación Pedagóxica (CAP).

O coordinador deste programa na Universidade de Santiago, o profesor da Facultade de Ciencias da Educación Xulio Rodríguez, declarou que entende que o descontento dos alumnos «sexa grande, porque por riba de reducírense as prazas, está todo moi apretado de horarios e de prazos». Con todo, o responsable do máster de profesorado convén que a formación é máis específica e ampla, e que a limitación de prazas en función do expediente académico dos demandantes «responde ao criterio de garantir a calidade do sistema educativo, procurando que os que accedan a el sexan os mellores». Xa non se trata de que todos os que se licencian fagan o máster, como sucedía co CAP, «senón aqueles que pretenden dedicarse á docencia».

Pero parecen necesarios axustes. Non semella razoable que as 220 prazas que oferta a USC (A Coruña e Vigo dispoñen de 240 e 260 respectivamente) se repartan de maneira idéntica en cada un dos dez itinerarios posibles, habida conta do número de licenciados das distintas titulacións. Nin que para impartir a docencia non se contratara apenas profesorado. Xulio Rodríguez explica que ao se tratar dun título oficial «a docencia forma parte dos departamentos, que son os que a adxudican e organizan. É cousa deles contratar ou non».

En contra do que sucedía co CAP, co profesorado de secundaria só contan para os 12 créditos do bloque Prácticum. Os 16 créditos do módulo psicopedagóxico común aos diferentes itinerarios e os 26 de formación específica dependen do profesorado universitario, agás excepcións puntuais como Didáctica da Filosofía, que imparte un profesor de secundaria.