«A miña xeración é a do arranque da cidade, que aínda é bastante vila»

Concha Pino

SANTIAGO

Este cirurxián que só se ausentou de Compostela uns poucos anos, recorda que nos sesenta o Ensanche era campo e leiras «e toda a vida se concentraba no casco vello»

27 feb 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A rúa Nova, pero non a que coñecemos hoxe, senón a que había nos anos 60, «cando as casas de Ramírez aínda estaban en construción», é a máis antiga da zona, en contra do que moita xente pensa. Cóntanolo Jorge Martínez Castro, que naceu nese barrio de casas baixas e hortas que quedaban por debaixo na actual rúa Rosalía de Castro, na zona na que estaban os Campos de San Xosé e a Rapa da Folla, un amplo espazo público invadido como todo o demais polos edificios, polo entramado urbano. No arranque daquela popular rúa Nova «estaba a Granxa Camelia, onde se levanta o edificio que leva ese nome, no que está Follas Novas. Eu xa recordo a Carreira do Conde asfaltada, pero último tramo de Montero Ríos non, onde estaban a fábrica de alfombras e as cocheiras do Castromil, e un pouco máis aló as instalacións de Fenosa, que miña avoa lle seguía chamando a fábrica do gas, porque iso foi en orixe».

Jorge Martínez medrou ao ritmo no que a cidade experimentaba as grandes transformacións. «O casco vello era a cidade, porque toda a vida, o comercio, as xoierías, a praza..., calquera cousa, todo estaba concentrado aí. Aínda agora Santiago é bastante vila, pero nos meus anos de estudante coñeciámonos todos, sabíamos quen era quen na cidade. Isto era moi pequeno, o Ensanche eran campos, leiras. Á miña xeración tocounos a etapa do arranque da cidade, «porque a oficina de racionamento de abastos non pechou ata o 1953».

E nese círculo da améndoa histórica se desenvolveu a metade da vida deste médico. Os seus pais tiveron un pequeno comercio nos anos cincuenta á entrada do Franco, «e por iso eu fun a unha escola primaria na praza de Fonseca, a de dona Rosario Revestido, na que ían os Docobo, Ríos Panisse, Castro Rey...» Estaba no baixo do edificio no que estivo o centro de vacinacións e no que hoxe hai unha tenda. A familia de Jorge era máis coñecida pola rama dos Castro, «porque meu avó tiña un taller mecánico en Doutor Teixeiro». E di que malia ser o maior de catro irmáns, ao que coñecía todo o mundo era ao terceiro deles, a Xenaro, fotógrafo moi querido e recoñecido na cidade que faleceu hai uns anos, «un pau familiar tremendo, porque era entrañable e tamén era un referente público, era o que nos conectaba con outras persoas. Eu, en moitos sitios, sigo sendo o irmán de Xenaro».

Cociñar é mais que unha afección para este médico, casado cunha médica e pai dunha cirurxián e unha avogada. Aclara que non cociña en días soltos senón case todos os días, «e ademais encárgome de mercar e de repoñer o conxelador e a despensa, porque me gusta facelo e non me dá perguiza ningunha». Débenlle á nai estar afeitos a calquera traballo doméstico, «porque a ela non lle gustaron nunca as cousas da casa, traballaba fóra todo o día e éramos catro rapaces». Comenta entre risas que iso de que as mellores croquetas son as da nai «a nós non nos afecta».