«Luís Seoane foi un artista moderno para o seu tempo»

Alexandra Moledo

SANTIAGO

Unha exposición repasa a traxectoria do autor e o seu compromiso coa identidade e a cultura de Galicia

19 feb 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Carlos López Bernárdez é comisario da exposición Luís Seoane. Razón e compromiso, xunto co doutor en Historia da Arte Fernando Martínez Vilanova. Con esta mostra homenaxéase ao artista no centenario do seu nacemento. Poderá visitarse no centro social de Caixanova de Santiago ata o 14 de marzo. Onte, os dous comisarios participaron na conferencia Seoane. O artista e o seu compromiso . ­-¿Que pretenden amosar con esta recopilación? -Realizamos un percorrido cronolóxico pola creación de Seoane a través de obras nas que se identifiquen moi ben as características do seu estilo e os temas que máis trata. Pero tamén quixemos resaltar o seu papel comprometido con Galicia. -¿Cales foron os criterios seguiron para escoller as obras que integran a mostra? -A exposición está formada por máis de cincuenta pinturas e dous murais de máis de 2 metros de altura, un de cerámica e outro de ferro, creados en Bos Aires e que nunca antes foran expostos. Moitas das pezas da mostra son pouco coñecidas e de coleccións particulares. Estas combínanse con outras máis representativas para explicar a evolución da súa temática e do seu estilo. -¿Que rasgos caracterizan o estilo deste artista? -Baséase na importancia das liñas, as cores planas e a figuración simplificada para representar os arquetipos da sociedade galega. A figura da muller galega é unha ás que máis recorre. Tamén ten moitas pinturas paisaxísticas ou de naturezas mortas. Seoane foi fiel aos temas de carácter galego ao igual que os seus coetáneos, pero aportando sempre un aire renovador. -¿Por que se considera modernista na súa época? -Porque aínda que seguía o legado dos autores de Galicia, consideraba que era preciso renovar determinadas fórmulas de entender a arte galega. O ideal para el sería crear traballos que tratasen a identidade galega desde unha perspectiva máis moderna e cunha visión cosmopolita que incluíse as ideas das vangardas históricas europeas. Ademais apostaba polo concepto de integración das artes que vai desde a pintura ao deseño gráfico e á publicidade. -¿Qué parte do seu traballo o representa mellor como autor comprometido? -Hai unha serie de obras que reflicten o seu tratamento da emigración a través dun heroe anónimo como protagonista. Luís Seoane tivo grande importancia na defensa da cultura galega no exilio arxentino durante o período máis duro da ditadura, pois arredor del xiraba un amplo núcleo intelectual. Na política comprometeuse na loita antifranquista, tema presente en obras como Cristo obreiro crucificado .