«Esta montaxe é o máis experimental do que teño feito ata agora en teatro»

C. P.

SANTIAGO

Alba Fernández iniciouse no teatro sendo moi pequena en Lugo, a súa cidade, na compañía Palimoco Teatro, que se se fixo profesional hai dous anos e á que sempre estivo ligada e coa que agora compatibiliza o seu traballo na montaxe da compañía compostelá Matarile, Cerrado por aburrimiento , que se representou esta fin de semana no Principal. Alba, que estudou na USC Maxisterio Musical, é intérprete de viola, e esa faceta musical singulariza a súa participación escénica nesta montaxe.

-Non só toca a viola no escenario senón que fixo os arranxos musicais. ¿De que música se trata?

-Toco fragmentos de obras de Bach, pero neste caso non fixen arranxo ningún, senón que os interpreto un pouco versionados. Onde interveño é nunha serie de temas que sintonizamos no proceso de ensaios e gravamos nun cedé, e sobre esa base instrumental toco a viola en directo. Utilizo un pedal de guitarra eléctrica para conseguir algúns efectos diferentes e distorsións. O son da viola nunca é igual.

-¿É o máis experimental que fixo?

-Creo que si, porque aínda que con Palimoco fixemos cousas, esta montaxe mestura teatro, danza e música en directo, e faino moi especial. Estou moi contenta co resultado.

-¿Implica moito traballo individual, non?

-Moi forte, si, porque malia estar todo o elenco no escenario, cada un ten o seu momento con moita responsabilidade individual no conxunto.