A música volve á capital barcalesa para reclamar o Conservatorio de Negreira

La Voz

SANTIAGO

27 ene 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A plataforma Máis Música creada no mes de outubro pasado en apoio ao Concello de Negreira para lograr un Conservatorio profesional de música, afirma que se abriu un compás de espera na petición deste centro oficial de ensinanzas musicais, e desexa que este tempo de expectación e «cadencia» pausada diante das súas demandas «non remate nun silencio improdutivo». Engaden que nas últimas semanas o alcalde, Jorge Tuñas, os representantes políticos e a propia plataforma están levando a cabo unha rolda de contactos coa xefatura territorial da Consellería de Educación -organismo que debe oficializar e aprobar este conservatorio municipal- e con outras instancias da Xunta, no ánimo de que Negreira se sume á lista dos vintecinco conservatorios non dependentes da Consellería de Educación e de titularidade pública que existen en Galicia. Ata agora as respostas atopadas e a boa acollida unánime a este proxecto fanlles albergar un cauteloso optimismo. Pensan repetir de novo, esta vez en Negreira, a experiencia levada a cabo en Santiago o 22 de novembro.