Con Isaac, sempre

X. Amancio Liñares Giraut

SANTIAGO

10 ene 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Afoto encheume de indignación, de carraxe. Dá arrepío vela. Un non pode quedar indiferente ollando ó ilustre, bo e xeneroso Isaac Díaz Pardo recollendo os seus efectos do edificio do Instituto Galego da Información (IGI), baleirando o proxecto e realidade que con tanta ilusión, compromiso e entrega erguera en San Marcos, a carón de Compostela. Pois non é esta boa maneira de comezar o ano novo para quen cremos e traballamos pola nosa cultura, procurando un mellor porvir para Galicia e para o mundo.

O bo de Isaac, o artista, o intelectual e empresario galeguista, o editor, alma mater do complexo Sargadelos, o sempre valedor do benemérito Seminario de Estudos Galegos... véndose na obriga de facer mudanza do IGI, poucos días despois de sufrir unha intervención cirúrxica. Xera un sentimento de frustración e xenreira, porque a imaxe garda e denuncia significados ben fondos.

Neste noso país en temas de memoria histórica e de proxeccións de futuro danse certas anomalías e desatinos, reflectindo esperpentos. Seguramente cando xa nos falte haberá homenaxes misceláneas para Isaac. Dedicaránselle rúas ou estatuas. E quizais un 17 de maio. Pero agora deixamos que padeza estes desgustos e humillacións. Semella que pouco serviron as iniciativas solidarias con el e co que Isaac representa. Non vou entrar na fraga xurídica ou económica do asunto Sargadelos. Fáltanme datos para facelo. O que me importa agora é só a reflexión diante desta imaxe noxenta, que parece querer levar a biografía de Díaz Pardo a pechar un círculo desacougante dabondo. E é ben certo que el non é merecente desta aldraxe. Porque sabemos, como cantaba Novoneyra, que Galicia e o ser humano poden -e deben- ser outra cousa.