Un pioneiro da tradución

SANTIAGO

«E que ben lle vai o galego a tantas escenas». Así saudaba Álvaro Cunqueiro a publicación en 1972 de Macbeth na tradución de Fernando Pérez-Barreiro Nolla. Tamén lle ía ben a Pérez-Barreiro o carácter pioneiro: foi, a petición de Ramón Piñeiro para Galaxia, a primeira tradución ao galego de Shakespeare. Un decenio máis tarde entregou en Xerais Flores e leña , a primeira tradución directa do chinés ao galego. Ambas as dúas resumen o espírito do tradutor: fondo coñecemento dos clásicos, vastísima cultura e curiosidade inesgotable, cualidades que practicou ata a súa inesperada morte o pasado luns na cidade inglesa de Lancaster.

Pérez-Barreiro naceu en Ferrol en 1931, cidade na que publicou os seus primeiros poemas na revista Aturuxo . En 1963 marcha a Londres para traballar na BBC, unha decisión motivada polo seu convencemento de que baixo a ditadura resultaríalle imposible vivir con plenitude a vida que desexaba para el, a súa muller, a tamén escritora e tradutora Teresa Barro, e os seus fillos. Máis tarde traballaría para a Organización Internacional do Café e impartiría clases universitarias de tradución, actividade pola que foi recoñecido tanto por obras ( Alicia no país das marabillas ) como pola súa traxectoria (Pedrón de Honra, entre outros).

Académico correspondente da RAG e membro do consello asesor do Igadi, Pérez-Barreiro sempre defendeu un diálogo de iguais entre a cultura galega e as correntes internacionais, algo que encarnou na súa propia persoa e visión: outro fito foi a creación en 1970 do Grupo de Traballo Galego de Londres, que enviaba a Galicia boletíns con análises sobre a realidade galega que eran unha bafarada de liberdade crítica.

En persoa, Fernando Pérez-Barreiro era dono dunha elegancia e cortesía exquisitas, así como dunha erudición tan profunda como nada fachendosa. Había dous anos que se instalara en Lancaster. Nun correo privado recente resumía con humor o traslado: «Non sei como fago para rematar sempre nun noroeste».