As parellas son para discutir

La Voz

SANTIAGO

03 dic 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Somos capaces de pór un tipo na lúa e somos capaces de retransmitilo por televisión. Somos capaces de acelerar as particulares e mesmo de saber que sucede nos aneis de Saturno. Do que non somos capaces, como civilización, é de poñer de acordo ás parellas. Precisamente por iso existen a literatura e as cancións de amor.

Xogos ociosos

As parellas nunca perden unha oportunidade de discutir. Eles non o saben pero é outra maneira de achegarse. É un xeito de relación torrencial que ademais de ser pouco razoable produce a severa sensación de ser moi, moi razoable. É un paradoxo de aplicación universal pero máis efectivo aquí que en ningunha outra circunstancia. Nunha parella en discusión canto menos se utiliza a razón máis razón parecen ter cada un dos debatintes. Calquera podería pensar que me refiro á fusión das caixas galegas. Igual leva razón porque se un non quere dous non discuten. O que nunca me queda claro é quen dos dous ten que deixar de discutir. Hai parellas que discuten incluso antes de coñecerse e hainas que discuten porque se coñecen ben e outras porque nunca chegan a coñecerse. Hainas incluso que marchan de viaxe tres días para ver se amañan o que non deron en tres anos, pero xa Lars Von Trier anda a explicar a parvada. A nova montaxe de Teatro do Atlántico debuxa algunhas filigranas das relacións de parella. Unha desas filigranas ten só en aparencia carácter tanxencial. O peso do imaxinario entre dúas persoas por máis próximas que estean. O peso de imaxinario entre dúas persoas por máis distantes que estean. ¿Cal será o imaxinario mutuo dos presidentes das caixas galegas?

Todo polos aires

Cando era cativo andar polos aires era un problema. Chegaba calquera profesor, calquera adulto, e tentaba baixarte pola vía de darche razóns ou darche un toque físico sen posibilidade de devolución. Calquera alternativa era mala, especialmente se temos en conta que eles non estaban solidamente pousados sobre a terra, máis ben voaban polo seu ceo particular cheo de deuses creadores, de virxes preñadas, de inglés de tres palabras, de dificultades para pronunciar a palabra hábitat ou para explicar de maneira contundente que é un conxunto baleiro, e de algunhas visións alucinantes sobre un lugar chamado paraíso. Agora andar polos aires é cool. Quere dicir que viaxas moito ou que es piloto, un asunto que agás nos Estados Unidos está razoablemente pagado. Quere dicir, segundo a xente da miña parroquia, que chegaches a algo na vida: chegaches alá arriba. En menos casos quere dicir que alguén se dedica ao circo, asunto que non está nada ben pagado agás que sexas o dono do Cirque du Soleil e o teu colega sexa alguén que foi un Beatle. Pero circo, como parellas, hai máis que un e esta fin de semana tentará non aterrizar na Nasa. Duelirium rende homenaxe a dúas aviadoras de cando comezaba o século XX e queren manterse facendo acrobacias, demostrando unha lixeireza que a especie humana non sempre ten, permanecendo no aire tanto tempo como sexa posible. Un asunto só parece fácil para saltimbanquis como Belén Esteban ou Josemi Rodríguez Sieiro.

Retrucas ou que

Algunhas parellas discuten dun xeito que merecería ser televisado. Non podo confirmalo, pero contáronme que hai algunhas que rifan en hendecasílabos e, nos casos de alta cultura inglesa, son capaces de respectar o pentámetro iámbico shakesperiano. A regueifa é un método de debate elegante e civilizado porque, normalmente, está feito por dúos e non por parellas. Dúos hai moitos e parellas tamén, pero as únicas de verdade son as da Garda Civil que, no caso de discutir, fano na intimidade da patrulla.

Os motivos non desaparecen

Xa estamos afeitos. Os motivos para discutir nunca pasan. As afrentas volven frescas como no pasado, como cando sacas o pan do conxelador e pasa polo microondas. Non é fresco pero parece de agora mesmo. Para facelas desaparecer no tempo e na memoria quizais faguería falta un truco dos bos, dos que non son trucos. Un mago que pasara a man sobre as palabras e, tal como fai a publicidade, conseguise cambiar o significado das intencións.