Afirma que «a opresión que padeceu a muller durante séculos foi violencia por omisión» e xa non se admite
20 oct 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Onte falou de Violencia e violencias , un asunto de que se ten ocupado na súa investigación, no Ateneo. Tentou dar unha visión ampla do asunto e aludiu á violencia psicolóxica «e a outras que son difíciles de apreciar, ou que normalmente non consideramos violencia, como poden ser a discriminación entre os sexos. A opresión que padeceu a muller durante séculos foi violencia sobre todo por omisión».
-¿Por que por omisión?
-Porque non podía acceder á educación, as profesións. Iso a nosa sociedade non o admite, e cando se ve noutras civilizacións irrita. Esa é unha forma de violencia onde hai unha responsabilidade difusa. Ou a manipulación pola publicidade nunha cultura consumista, que orienta para facer unhas cousas en detrimento de outras, pode constituír outra forma de violencia.
-Violencia no deporte, machista, nas aulas, terrorista... ¿por que hai tanta violencia?
-Quizá agora a notemos máis, porque hai moitos mecanismos para tentar reducir, combater e controlar a violencia, que é destrutiva para calquera sociedade. Se vemos moita violencia é porque se está a tentar o seu control, aínda que as sociedades occidentais están moi estabilizadas.
-¿O chamado botellón e violencia?
-Non o consideraría, máis que de maneira lixeira, aínda que poda dar lugar a actos violentos e represente unha molestia profunda para a veciñanza.
-¿Hai moitos estudos filosóficos sobre a violencia?
-Hai, si, moitos. Eu tamén me teño ocupado do tema, e procuro ver o que debería ser en lugar do que hai, como se podería chegar a unha situación de paz, entendendo paz como xustiza. En todo o caso, a filosofía ten pouca simpatía pola violencia.
-E a sociedade galega de hoxe, ¿é máis violenta que outras?
-Eu vexo que é bastante pacífica; digamos que a nosa sociedade é tan pacífica como as vacas, que cando se enfada pode ter unhas reaccións tremendas. É unha sociedade tranquila como as vacas, se me é permitida esta comparación.
-¿Como comeza este curso na súa Facultade?
-Ben, de momento vamos en ascenso.
-¿Están moi afectados polo proceso de Boloña?
-A nosa forma de ensino non varía moito; o que facemos hai moitos anos coincide, estamos adaptados hai tempo. O que non sabemos é de que maneira vai afectar no estudantado a depresión social que hai sobre as humanidades e as ciencias sociais, iso é o que nos pode afectar máis.