O Ateneo aposta polo debate na súa nova programación

M. B.

SANTIAGO

A entidade, que pon en marcha excursións para os socios, conta cunha web que reflectirá as actividades

25 sep 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O Ateneo de Santiago reabrirá o 5 de outubro un novo ciclo da súa exitosa oferta cultural, como ben se encargou onte de sinalar o seu presidente Salvador García-Bodaño, na presentación da programación para o próximo trimestre destinada aos seus máis de cen socios e socias. A nova programación, de setembro a decembro abarca unha serie de ciclos de conferencias, seminarios, excursións de carácter histórico-ecolóxicas, mostras de diverso tipo e talleres de literatura, entre outras actividades.

Ademais, a entidade presentou a súa páxina web ( www.ateneodesantiago.org ), deseñada pola empresa Somos 100x100, que reflectirá todas as actividades e iniciativas, na que se colgarán os vídeos das conferencias.

O presidente do Ateneo compostelán puxo de manifesto que esta institución «quere continuar convertida nunha escenario de participación e de debate aberto ao pensamento plural e libre». Francisco Candela, secretario do Ateneo, anunciou que o acto que abrirá a programación o 5 de outubro será unha conferencia sobre Xenómica e saúde , que pronunciará Ángel Carracedo, catedrático de Medicina Legal da Universidade de Santiago (USC), Premio Jaime I de Investigación Médica. A programación continuará o luns, 19 de outubro, cunha conferencia do filósofo Luís García Soto sobre Violencia e violencias . Antón Reixa será quen lerá a terceira das conferencias, sobre Poesía e medios de comunicación .

A programación de novembro comezará o día 2 cunha conferencia sobre Drogas e condución , que pronunciará Manuel López-Rivadulla. Pilar Carbonero, investigadora e catedrática de Bioquímica e Bioloxía Molecular da Universidade Politécnica de Madrid, falará o día 9 sobre Evolución das plantas cultivadas: conmemorando a Darwin no seu bicentenario . O día 16, Miguel Ángel Troitiño, catedrático de Xeografía e Historia da Universidade Complutense de Madrid, falará sobre Turismo en cidades históricas . Os actos continuarán o día 23 cun acto literario no que participarán Yolanda Castaño, Suso de Toro e Anxo Tarrío, e o día 30 cunha conferencia sobre Contidos e crítica televisiva a cargo de José Miguel Giráldez. E rematarán o 2 de decembro cunha conferencia sobre O barroco en Santiago , por Juan Manuel Monterroso. Estas actividades terán lugar ás 20.00 horas na sede da Fundación Caixa Galicia.

O Ateneo tamén iniciará unha serie de excursións de carácter ecolóxico e cultural para os socios, a primeira das cales será mañá a antiga mina de As Pontes, fragas do Eume e mosteiro de Caaveiro. O 31 de outubro a excursión será ao castro de Las, no concello de San Amaro (Ourense).