As camelias florecen en toda a xeografía galega cando o inverno aínda está enriba. É a flor emblemática do país, pero non é orixinaria destas terras, polo que houbo que colocar no rexistro internacional e oficial algunha variedade propia para poder dicir que é a flor de Galicia. Logrouno Leonor Magariños, que rexistrou unha roxa cos bordes brancos co seu nome e outra co dun amigo, Alejandro Mancilla. Esta experta en camelias deu unha conferencia no centro sociocultural da Rocha, no programa da semana cultural, sobre a propagación desta especie e de como facelo.
-¿Como se reproducen?
-Por enxertos ou estaquillado. E tamén plantando sementes, por iso lles trouxen unhas poucas aos asistentes a charla para que o intenten. En catro ou cinco anos xa dan flor.
-¿Ten un viveiro de camelias?
-Non, non. É unha plantación particular, unha colección en dúas fincas pequenas. Empecei hai anos e fun aprendendo, especializándome e presentándome a concursos. Gañei catro veces a Camelia de Ouro da Deputación de Pontevedra, tres delas consecutivas, cando só poden ser dúas. Pero non lles quedou outra.
-¿Cantas variedades cultiva?
-Máis de mil diferentes, así que árbores moitos máis. Pero variedades que son propiamente galegas teño cincuenta. Unhas están en San Vicente e outras en Cuntis, polo que as primeiras son máis limpas, porque no interior hai xeadas.