A mostra de fotoxornalismo «Compostela, un ano de Voz» chega ao salón de actos de Calo

La Voz

SANTIAGO

Os fotoxornalistas de La Voz de Galicia en Santiago, Xoán A. Soler, Álvaro Ballesteros, Sandra Alonso e Paco Rodríguez, inauguraron onte no salón de actos de Calo a exposición Compostela, un ano de Voz, que recolle as mellores instantáneas publicadas durante o ano 2008 nas páxinas de La Voz de Galicia. A mostra inclúe un total de 23 imaxes en formato xigante, que se presentan acompañadas da páxina orixinal do xornal na que foron publicadas. Deste xeito, o espectador pode observar o tratamento que leva unha imaxe desde que é captada polo fotógrafo ata que chega finalmente ao lector, integrada nunha plana e acompañada de texto. O alcalde de Teo, Martiño Noriega, e a concelleira de Cultura, Carme Hermida, participaron na inauguración da mostra, que poderá visitarse ata o día 30 deste mes en horario de 17.00 a 20.00 horas. A visita a Compostela de Stephen Hawking é só un dos eixos da exposición, que recolle tamén os feitos máis salientables que teñen como protagonista non só á capital de Galicia, senón tamén a municipios veciños, como é o caso de Teo.