Os lugares que buscan os cabalos

La Voz

SANTIAGO

De neno non soñaba con cabalos amarelos nin con nenas de ollos calidoscópicos, nin con emocións de indución química. De neno os cabalos poboaban o meu universo porque había que ir con eles ao monte e termar deles: eran moi dados a pensar que en calquera outro lugar estaban mellor que no lugar que estaban. Exactamente como a xente.

Cando as cousas lle quitas a caspa mítica quedan como son. E adoitan ser grandes suficientes sen toda a prosa dos tempos idos, nin os cualificativos sobre o máis que ou o mellor que. Lou Reed está moi necesitado de que lle tiren a todo ese verniz mítico porque cada vez que explican iso deixan de explicar que é un músico con altibaixos e un poeta constante. En máis dun sentido o seu interese está xustamente niso: é humano e se deixa levar por tantas cousas que algunhas non o levan á boa música. Pero resiste que, creo, é o que importa.

Hai un vello dito que circula por case todos centros de traballo que asegura que non se debe mesturar o sentimental e o laboral. Este dito non reza para o campo; aí ou van xuntos ou non hai cristo que aguante.

Nos casos artísticos pensabamos que tamén. Que era mellor que as parellas actuasen por separado: John & Yoko, Víctor & Ana, pero sempre hai excepcións e iso é que o fai que a vida ofreza algunhas sorpresas para ben.

Laurie Anderson xa pasou por Santiago e esta muller non ten a mítica mediática que leva con el Reed. Ela é heterodoxa e capaz de de mesturar na mesma hora narrativa, improvisación e algunhas revisións de pezas clásicas de Lou Reed.

The Yellow Pony and other songs and stories non será un concerto normal. Poderemos ver a unha artista inquieta e pouco afeita a atarse ás convencións e poderemos ver a un Lou Reed máis sosegado, menos pendente de ser ese mito do rock no que o convertiron e que, seguramente, non pretendía.

Ben podería ser o concerto máis singular deste verán que anuncia moita clase media de rock and roll, moita guitarra e moita suor, pero case ningunha sorpresa.

Ademais, aínda que os desenganados aseguran que xa non quedan, aínda hai boas causas. Causas que merecen a nosa atención que, como estamos nunha sociedade capitalista, podemos codificar como se fosen cartos. Porque non sempre hai lugares mellores nos que estar e resulta perfectamente natural que os cabalos non o saiban. Pero nós non somos cabalos.