Publicou un epistolario de Piñeiro con Isidoro Millán González-Pardo e un estudo sobre Antón Zapata García
08 jul 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Ao mercado galego chegan os últimos días dúas novidades asinadas por un dos escritores e investigadores máis prolíficos nos últimos anos. Política Lingüística editou o Epistolario de Ramón Piñeiro a Isidoro Millán González-Pardo (1952-1971) , e Laiovento Antón Zapata García. Biografía dun poeta emigrado ao servizo da II República . Neses volumes rescata elementos de interese para coñecer mellor a cultura galega.
-¿Como é o epistolario de Piñeiro e Isidoro Millán?
-Consta de 50 cartas de Piñeiro a Isidoro Millán, unha de Millán a Piñeiro, e como apéndice outra de Piñeiro a Alonso Montero. Colaborei para a edición con Luís Cochón, quen tratou estreitamente a Isidoro Millán cando os dous coincidiron como profesores do Instituto Rosalía de Castro de Santiago. O maior volume de cartas é da década de 50, cando Isidoro Millán residía en Madrid, Inglaterra e outros lugares do exterior. Decrece, loxicamente, cando os dous coinciden en Compostela.
-¿Por que contacta Piñeiro con Isidoro Millán?
-Os comentarios filolóxicos de Isidoro Millán a Antífona da Cantiga , de Ramón Cabanillas, impresionaron a Ramón Piñeiro, que tentaba captar todo o talento intelectual galego para o achegar ao proxecto de Galaxia. Ve en Isidoro Millán un gran filólogo e, naqueles anos iniciais dos 50, procura que se sume ao grupo. Que Ramón Piñeiro era un líder xa se verifica na preocupación que demostra nesas cartas por Ferrín, Bernardino Graña, ou por Ramón Lorenzo.
-¿Que frutificou dese relacionamento?
-Piñeiro demostra preocupación polos usos sociais do galego, por exemplo porque a Igrexa incorpore o idioma ao culto. Chama a atención a gran cantidade de poetas citados, como Franco Grande; Uxío Novoneyra, de quen se fala dun poema aínda hoxe inédito, Ós heroes da Hungría ; tamén Manuel María, a morte de Luís Pimentel, e dos últimos anos de Ramón Cabanillas cos problemas que tivo e a solidariedade recibida. Tamén fala de Fernández de la Vega, Risco, Otero Pedrayo, e outras figuras galegas e do exterior, como Rodrigues Lapa, Joseph Piel, ou Dámaso Alonso. Isidoro Millán traduciu a T. S. Eliot para galego, un traballo ao que se refiren varias das cartas que lle encamiñou Piñeiro.
-Antón Zapata é unha figura pouco coñecida, ¿cal é o seu maior interese?
-O libro divulga parte da miña Tese de Doutoramento. Zapata emigrou para Arxentina en 1903, con 17 anos, e non retornou. Publicou un só libro en 1953, A roseira da soidade , que ten moito de autoedición, e onde probo como se autocensurou; ese libro foi reeditado fac-similarmente no ano 2004, por Xerais, en colaboración co Concello de Laxe e cun estudo meu. Zapata aquí é pouco coñecido, aínda que na Arxentina participou na colectividade galega con numerosas iniciativas. Como poeta, comeza moi pondaliano; a partir de 1936 abraza os ideais da República e ten unha época cívica; despois traballa outra temática e é o gran poeta do mar visto desde dentro, da pesca.