«A Igrexa ten que medirse moito na súa oposición ao Estado en certos temas»

Cristina Rúa

SANTIAGO

10 jun 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Laureano Araújo Cardalda, profesor de ensino secundario, defendeu onte na Facultade de Ciencias Políticas a súa tese: O Estado oculto. Elementos para unha revisión da transitoloxía canónica. Política e catolicismo na corporatización da función relixiosa en España, dirixida polo profesor Xosé Luís Barreiro Rivas. Neste traballo, o mestre estuda as relacións entre a Igrexa católica e o Estado en España.

-¿Cales son os postulados que se desprenden da tese?

-Existe unha relación corporatista entre a Igrexa católica e o Estado español na que ambas institucións se benefician, que dá lugar ao nacemento do Estado Oculto.

-¿Que é o Estado Oculto?

-É un Estado que non se pode ver, que non está constitucionalizado e que funciona á marxe do Parlamento, pero que é tan real coma unha sesión do Congreso dos Deputados porque os acordos afectan aos cidadáns.

-¿Como son as relacións hoxe entre a Igrexa e o Estado?

-Hai que ter en conta que a Igrexa en España ten moitos privilexios, manexa moitos espazos reais ao mesmo tempo que presta un servizo por delegación do Estado, e ten que medir ata onde chega a súa oposición ao Goberno en certos temas. No caso do aborto, ten que medirse moito na medida en que é dependente do Estado e está desprivatizada. En España non é como en Francia, onde a Igrexa ten menos poder, pero é máis libre.