Cada vez que alguén sobe a un bus, é probable que o carrozase Castrosua, empresa que nos 50 fundou José Castro e que ademais de en Galicia ten sede nas Canarias
07 jun 2009 . Actualizado a las 02:00 h.A historia de José Castro é a dun home feito a si mesmo. Fillo de carpinteiro, ergueu co seu traballo unha das empresas máis importantes de Galicia e de seguro de Compostela, Carrocera Castrosua, da que hoxe é aínda presidente. A súa aportación á cidade durante estes anos valeulle ser nomeado o pasado xoves fillo adoptivo da capital galega. -A súa empresa comezou no Carballiño para logo trasladarse a Vilagarcía. -Sempre fixen os traslados empuxado pola demanda. A empresa comezou no Carballiño en 1951. Despois de dous anos, o taller quedou calcinado. Foi o que motivou o cambio a Vilagarcía, porque non había espazo no Carballiño. Ademais chamáronme para carrozar uns chasis que Agustín Pereira fabricaba no seu taller mecánico. A continuación xa me establecín nun garaxe, que estaba máis baixo que a rúa e cando chovía quedaba anegado. -¿E o salto a Santiago? -En Vilagarcía xa había demanda e tiven que trasladarme ás Carolinas, a unha nave de 5.000 metros cadrados. A demanda era de toda Galicia, así que no primeiro momento estiven no local onde estaba a Chapistería Industrial, en Gómez Ulla, pero xa non podía medrar máis. Como o dono da chapistería tiña fincas pola zona da avenida de Lugo arranxamos a adquisición desas fincas e en catro meses tiñamos unha nave duns 5.000 metros. Pero tamén me influíu que tiña catro fillos. A universidade estaba aquí, e daquela só faltaba a carreira de enxeñería. Sempre tiven a intención de darlles estudos. -A súa empresa sempre tivo sede en Galicia. ¿Foi unha dificultade engadida desenvolver a actividade nunha zona periférica? -Eu loitei coa dificultade da distancia de orixe do fabricante. Non os había preto, eran de Madrid ou Barcelona, polo que había os custes de desprazamento e a perda de tempo. Pero o máis grave era que neses anos, cando aínda non existía o túnel do Padornelo, o porto quedaba moitas veces pechado pola neve. Os chasis tiñan que quedar alí e houbo veces que estaban parados ata oito días. Recibir materias primas tamén era complicado, porque viñan todas de Cataluña ou do País Vasco. Se viñan os temporais, tamén quedaban illados. -Agora parece que o maior problema é a falta de solo industrial na cidade. -Nós tivemos a precaución de ir mercando o que se foi presentando. Conseguimos ata 40.000 metros cadrados que están utilizados a tope. Foi un freo non ter en algún momento cara a onde expandirse, porque podiamos ter medrado. Agora estamos coas promesas dos novos polígonos industriais. Levamos catro anos falando pero seguen sen se poder utilizar. -¿Teñen problemas de espazo? -Fómoslle sacando toda a partida, facendo ampliacións e ocupando o espazo dos aparcamentos, por exemplo. Necesitamos unha fábrica en liña para non perder tempo durante o proceso. Temos unha produción óptima dentro do que imos resolvendo tecnicamente, porque por exemplo hai materiais que deberan entrar na liña e teñen que descargarse fóra e logo ilos metendo. -¿Haberá algún día un coche que funcione sen petróleo? -Pois parece que a investigación vai nese sentido. Nós xa desenvolvimos un autobús híbrido. Funciona con baterías eléctricas que se recargan con cada freada do autobús. O motor de gasoil só se pon en marcha se fallan as baterías.