Son os afeitos ás conspiracións quen miran conspiracións en cada movemento. Levamos anos saltando de conspiración en conspiración sen conseguir chegar nunca á conspiración final. Esa na que, sen remedio, xa non saberemos para cal dos inimigos traballamos.
Asistir ás conspiracións de poetas é divertido porque son inofensivas. Son como tentar mercar un televisor no Corte Inglés con billetes do monopoly. Unha cerimonia sen valor de cambio.
A falta de valor de cambio é sen embargo o seu principal valor. E un dos problemas do país é que, en moitas ocasións, dálle demasiada importancia a ese valor.
Volveremos á rúa. Creo que un pouco tarde porque tivemos os reflexos gastados ou adormecidos polo aire acondicionado da administración e houbo quen confiou demasiado nas tácticas disciplinadas en lugar das convintes. Hai que volver á rúa agora como habería que ter estado todo este tempo. Manifestarse a favor da lingua na rúa é unha redundancia que ten o seu aquel. Porque xusto o que lle acontece a este lingua tan amable é que non consegue que a acepten fóra da rúa e mesmo aí vai perdendo. Volveremos pero non como un xeneral ianqui senón a remolque da situación, convencidos de que se gastaron cartuchos inútiles. Hai que volver, con todo, porque a finalidade última está por riba do que alguén fixo con ela. Volver e cambiar o dito de que somos bos para resistir, pero non aprendemos a gañar.
Para ir quentando motores doutro domingo cerimonial van os poetas e comezan conspirando por ver se o resto toman exemplo e conspiran cada un no seu sector e entre todos dan co sentidiño que nos tivemos nos últimos tempos. Claro, claro. É máis fácil conspirar coa poesía, pero por algún argumento habería que comezar e en Galicia, segundo os tópicos, todo comeza coa poesía.
A outra cuestión das conspiracións é como a teoría se converte en praxe. Non é para botarse atrás porque na CIA sucédelles con frecuencia e vou supoñer que para iso nós temos algo que os estadounidenses menos favorables a Obama non coñecen: o turismo mental.
Mentres aprendemos dunha vez como pasar das palabras aos feitos igual aínda nos queda tempo para explicar que as conspiracións só se fan como a contramán e que nós pedimos o que parece lóxico e de maneira o máis luminosa posible. Que un asunto que poeticamente está tan claro reciba tratamento igual no resto dos sectores. Para que non nos digan no futuro os espelidos que hai tantas cousas por facer e aínda hai xente que escribe poesía.