A publicación, que fixo canda a Alberto Vilariño, será editada pola asociación cultural do barrio, ao non acadar o respaldo do Concello
21 mar 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Juan Lema Negrillo é autor, canda a Alberto Vilariño Vieites, do libro Concello de Conxo: unha historia esquecida, que narra en varios artigos algúns episodios da historia do que fora concello de Conxo entre os anos 1836 e 1925. A publicación está financiada pola Asociación de Amigos de Conxo, da que Lema é presidente, «porque no Concello dixeron que o libro era aburrido e que non o publican».
-¿O libro é unha homenaxe aos veciños do barrio?
-Non pretendíamos facer un libro de historia pura; cando empezamos o único claro era que queríamos dignificar o barrio de Conxo e rachar con moitos tópicos. Queríamos un libro ameno e fixemos unha redacción máis propia da reportaxe. Dedícanse artigos a personaxes, pero tamén a cuestións nas que Conxo foi pioneiro ou tiña moito que dicir, como as escolas públicas, o concurso-oposición para médico do distrito, o mercado e o matadoiro, as festas ou o xulgado municipal.
-Vostede é descendente do derradeiro alcalde de Conxo. ¿Quería aclarar algo de aquel episodio?
-Son bisneto de José Lema Martínez, que era alcalde cando se fixo a anexión con Santiago. No caso de Conxo, a anexión foi porque a estación do ferrocarril ía construírse en Cornes, que tiña que ser de Santiago. O mesmo pasou con Enfesta, polo aeroporto. Conxo pasou sen débedas a Santiago. Eu vin dúas cartas de Calvo Sotelo, dirixidas ao meu bisavó, nas que se falaba do tema.
-¿Que documentos empregaron para escribir este libro?
-Ademais das historias populares, tamén utilizamos documentos do arquivo histórico de Santiago, do arquivo xeral de Alcalá de Henares, da Cámara de Comercio de Londres -onde está a documentación vinculada ao tren- e da delegación noroeste de Renfe en Oviedo.
-¿Que contan no libro?
-Nos libros de historia non sae a xente popular, que era o que queríamos. Tería sido máis exitoso un libro de personaxes populares de Conxo, pero a nosa intención era abranguer o tempo do concello e dignificar Conxo. No concello de Conxo había unha burguesía foránea de cameranos e maragatos, que se dedicaban ao negocio dos curtidos e de coloniais, de alimentación. Desta burguesía saíron algúns alcaldes. Dos maragatos, por exemplo, foi alcalde Antonio González Botas; e dos cameranos, que é unha zona da Rioxa, Luis Torres de la Calle, que tiña unha fábrica de curtidos na Amanecida.