Poesía primeira de amor, desamor e arrefriado
e Comedia bífida , da man da compañía teatral Bicodobrelo, son as obras coas que David Pobra triunfou nos premios GZCrea 2008 nas modalidades de poesía e teatro, respectivamente.
-¿Por que se presentou?
-En poesía, tiña uns textos desde hai un tempo e foi unha maneira de darlles saída. No caso do teatro pareceunos unha boa oportunidade para a obra. Esta é unha boa maneira de converter unha afección en algo máis.
-¿En que consisten os premios?
-O de poesía ten unha contía de mil euros e vaise publicar a obra, aínda que non se sabe se de forma individual ou colectiva. En teatro é só un premio económico pero pensamos que nos vai servir como escaparate.
-¿De que fala « Comedia bífida» ?
-É unha obra moi divertida na que se fala sobre os prexuízos que temos os galegos co idioma. Ten unha compoñente lingüística importante e é un pouco arriscada e polémica, pero moi útil. Xa a representamos en dous colexios e nun deles houbo unha rapaza que comezou a falar galego despois de vela.
-¿Que espera do poemario?
-O poemario vai ser o meu primeiro libro e espero que me axude a saír á luz como autor. Teño ademais un libro a medio facer, que aínda precisa tempo, pero espero que agora sexa máis fácil sacalo adiante, e tamén uns relatos que colguei no seu tempo na rede e que despois refixen nun texto que intento sacar á luz.