O lugar natural

La Voz

SANTIAGO

Estamos máis seguros do caos que da orde. Estamos máis seguros de que hai unha tensión entre as dúas circunstancias e que para a primeira chega a pasividade e para a segunda é necesaria algunha planificación e algún esforzo. Pero quizais haxa unha sincronía inadvertida entre ambas as dúas, unha imprescindible necesidade de que convivan en horizontes diferentes.

Xesús Vázquez ten organizados os espazos de maneira que o espectador percibe o esforzo de racionalización, a intención de organizar a materia no sentido da lectura. Como quen organiza unha sopa de letras de maneira que as letras queiran dicir algo.

Nese sentido, Vázquez organiza os elementos sen acabar de borrar esa pegada iniciática ou primixenia que campa sobre calquera punto de partida: un territorio en desorde. Logo organiza os asuntos con pulcritude de maneira que os argumentos queden colocados en disposición lectiva. Situados fronte ao espectador como marcas dun territorio no que suceden cousas, moitas cousas, pero suceden con máis orde que xerarquía.

Quizais unha das confusións interesadas so século XX é a de dar a entender que orden implica xerarquía e non organización. Que orde supón preeminencia ou prioridade e non unha certa harmonía das cousas no seu lugar. Seguramente foi apropiación indebida do campo semántico, confusión das mensaxes e, sobre todo, polución argumental.

As obras de Xesús Vázquez están organizadas de maneira que a colocación non lles reste enerxía. Igual son campos semánticos rudimentarios para explicar unha pintura con proceder natural, con sentido lóxico de comportamento e onde ningún dos elementos están colocados polo azar da inspiración.

Os cadros xogan ca vista e coa maneira que percibe. Este tamén é un sistema organizado porque o espectador ten quizais unha inercias e o artista procura darlle algunha volta, obrigalo a un paseo máis ou menos a contramán para que comprobe cales son os efectos de mirar desde outras perspectivas. Pero está todo no seu lugar. No lugar que quere o artista. Que, con ou sen organización é o seu lugar natural.