O pasado é inexorable

La Voz

SANTIAGO

16 oct 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Todos os grandes volven. As crises volven como volven as débedas, a música volve como volven as estacións e os grupos volven porque a memoria é así: facilita moito o labor de recoñecer. Fuxan os ventos están de volta como os Eagles, como Deep Purple ou Pink Floyd. Que os grupos regresen só quere dicir unha cousa: que algunha vez marcharon.

Fuxan os ventos marcharon un día e, independentemente dos motivos particulares, marcharon como marchou unha parte fundamental da música popular daquela altura. Marcharon porque os tempos eran chegados, pero os tempos que chegaron non eran os que se esperaban. Eran outros completamente diferentes e non podemos dicir si peores, pero desde logo con outras intencións culturais.

Que Fuxan os ventos regresen agora en modo homenaxe non quere dicir que alguén bote en falta aqueles tempos máis inxenuos e con máis trencas que hoxe. Quere dicir que hai xente que lembra unhas músicas e unhas letras que, pese a non selo, pasaron moi ben por ser música popular. A memoria é unha ferramenta delicada e pouco dada a procederes científicos. Lembra aquelas cousas que conserva e procede a darlle importancia ao que conserva porque non pode asegurar que conserve o que importa. Se mesturamos, ademais, memoria e música escoitaremos como volve case todo a nós vernizado con ese punto de melancolía que non favorece a música, pero favorece moito a identificación con ela.?Fuxan os ventos xa están aquí con aquelas letras que se desparramaron polas verbenas en competencia cos pasodobres ou rancheras, con aquelas letras que son de Luís Álvarez Pousa e case todo o mundo cre que as inventou un avó calquera hai cen anos, máis ou menos. ?Fuxan os ventos están de regreso como os aires do mar porque se todo o mundo regresa, incluso Marx, ¿porque non ían facelo eles?