«Prostitución e mendicidade son temas antigos e actuais»

M. Beceiro

SANTIAGO

A intérprete de Teatro do Noroeste é unha mendiga que disputa o seu espazo vital cunha puta na súa última obra

26 sep 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O espazo Arteria Noroeste acolle dende hoxe ata o sábado, na sección Escena Contemporánea, a última montaxe de Teatro do Noroeste, Extrarradios: comedia das mulleres desamparadas , unha historia urbana e marxinal sobre o fructífero encontro de dúas mulleres nunha abandonada parada de bus: unha prostituta de estrada, barata e acabada, interpretada por Victoria Pérez Varela, e unha mendiga chegada ao punto de maior degradación á que dá vida Luma Gómez.

-As personaxes desta obra son dúas persoas que se disputan un espazo vital, algo que fai tamén a xente corrente na xungla das nosas sociedades.

-Si, o que pasa que elas están convivindo nun sitio de miseria, onde a sociedade arrincona aos que non quere ter diante. A obra transcorre nun ton de comedia pura, amarga por momentos pero comedia ao fin.

-Se trata de que coa crítica social ao público hai que darlle tamén risa.

-Máis que procurar que a xente ría hai un tratamento moi irónico na obra. Esas dúas mulleres, por circunstancias persoais da vida, son dúas personalidades moi distanciadas: a puta máis nova, máis inocente quizais, mentres que a mendiga coñece o mundo, sabe onde pisa e está decidida a non saír de aí.

-No elenco hai tamén un personaxe masculino. ¿Non será un destacado político, pois agora algún confesa que perdeu a virxindade en bordeis?

-Non. É un locutor de radio que de cando en vez aparece coa súa voz en off, porque á mendiga gústalle escoitar a radio.

-Parece que o público goza coa obra pois lle concedeu o seu premio no Festival de Teatro Galego de Carballiño (Fetega).

-Si, tivemos o premio ao mellor espectáculo que concede o público, e ademais Victoria levou o premio de interpretación. A verdade é que a obra está gustando e indo moi ben, incluso en castelán, porque o da puta e a mendiga e universal.

-Universal e tan antigo como a propia humanidade.

-E por outra banda tamén é moi actual, moi contemporáneo. Un tema moi antigo e moderno, como moitos, pero que non somos capaces de solucionar. Hai determinadas cuestións enquistadas ás que nunca se lles dá solución e esta é unha delas.

-¿O quedar sen un espazo teatral do que era compañía titular en que medida afecta ao traballo de Teatro do Noroeste?

-Bastante, porque si tes unha sala podes organizar funcións para diversos públicos que agora, dende concellos e institucións non se fan. A pena é que Santiago vai quedar sen salas.

-Pero a situación dos actores en Galicia parece que mellorou, porque antes, ademais de queixarse, facían a calle protestando, e agora xa só se queixan.

-Eu sigo dicindo as cousas que me parecen ben e parecen mal, como sempre fixen. Penso que non se teñen que tomar a mal as críticas que moitas veces ván no sentido de poñer solucións. Penso que a xente está máis contenta e decide calar.