Xoán Curiel presenta o seu primeiro disco. Como somos xente que fuximos dos tópicos como de nós mesmos, non imos comentar nada diso do que se di de partos e descendencia. Hai un músico cun disco novo e xa basta para saber que poden pasar moitas cousas.
Curiel explica cales son as súas influencias por medio dunha longa relación de músicos que reproduzo: Richard Bona, Annie Di Franco, Carmen Dor, Sara Tabares, Caetano Veloso, Lenine, Chico César, Uxía, Gilberto Gil, Geraldo Azevedo, Simon & Garfunkel, Michael Jackson, Chico Buarque, Sergio Godinho, Nordestin@s, Xabier Díaz, Manecas Costa, Salif Keita, Youssou N.. Dour, Manolo García, Santiago Auserón, Silvio Rodríguez.
Seguro que hai máis, pero non quedaba máis lugar. Os músicos presumen moito das súas influencias como se a xenealoxía da música fose un asunto capital para explicar os porqués do que se fai. É unha lectura histórica.
Pero lidas as influencias que manifesta Curiel a mínima curiosidade debería levarnos ata o Teatro Principal para ver que fai un músico cando escoita todas esas cousas e logo decide facer un disco e deixar que todas esas influencias circulen polas letras e polas músicas. Esa é outra maneira de ver como cadaquén interpreta a historia.