«O galego é emprendedor e persoa de gran loita»

Alberto Ramos

SANTIAGO

A súa obra recolle máis de 250 perfís de emigrados de Galicia a diferentes lugares do mundo

10 sep 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Os nomes galegos repártense por toda a xeografía do globo. Durante anos, xentes destas terras marcharon na procura de mellor fortuna en afastadas terras alleas. Serafín Portugal Soto é un deses galegos. Durante catro décadas viviu en Venezuela, antes de retornar, e nos últimos anos dedicou o seu tempo a recompilar información sobre máis de 250 perfís de galegos repartidos polo mundo. Onte presentou a segunda edición da súa obra Gallegos emigrantes emprendedores en el mundo.

-¿Como xurdiu a idea de facer unha nova edición ampliada?

-A primeira edición presentouse hai un ano e en decembro xa se esgotara. Moitos amigos me empurraron a facer unha nova edición e, a poder ser, ampliada. Así que estiven dende que se esgotou recollendo máis información, buscando en documentos, realizando entrevistas e así superei a cifra de 250 protagonistas por todo o mundo. O máis importante é que non son preguntas pechadas, que non son cuestionarios de cinco preguntas iguais para todos, foron preguntas abertas.

-¿Que historias se reflicten neste libro?

-Trato a triunfadores económicos e culturais, persoas que marcharon e volveron con éxito e aos que se lles dá unha especie de culto nas vilas cando volven. Pero tamén fago unha lembranza de aqueles que retornaron que non tiveron tanta fortuna e que nas vilas quedaron estigmatizados, e hai que lembrar que todos os galegos que marcharon eran emprendedores e que iniciaron unha aventura. Os galegos son persoas emprendedoras, de gran loita. Iso é o que quero transmitir no libro.

-¿Canto tempo levou recoller a información de todos estes perfís?

-Para esta nova edición estiven dende decembro. Para a primeira, dous anos e medio para preparalo. Por exemplo, na nova ampliación recollo información de todos os presidentes da Irmandade Galega de Venezuela e algúns deles estiveron de forma moi fugaz.

-¿Cales foron as principais dificultades que se atopou neste traballo?

-Facer un libro non é nada fácil e eu na solapa deste xa puxen que sen arquivo non hai historia. Faltan arquivos, nas institucións de galegos no mundo os arquivos non existen. Por outra parte, hai moitos que faltan á súa palabra, que che din que si, que os podes entrevistar en tal momento, logo cambian para outro día e así ata que xa non podes falar con eles. Non se cumpren coas palabra en moitos casos se non se ve o negocio de forma inmediata.

-¿Haberá unha terceira edición desta obra?

-Iso depende, eu xa conto con 84 anos e non é nada fácil facer un libro, aínda que a ilusión queda.

-¿Sente morriña polo país que o acolleu tantos anos?

-Gardo un gran recordo de Venezuela. Non é que haxa morriña, o que hai é un gran cariño que é para todos os países de acollida. Os venezolanos déronme unha gran acollida e na miña obra repártese o cariño entre Venezuela e Galicia. Eu retornei de xeito voluntario, máis que nada por asistencia médica.