«Contar contos a nenos é como a maxia, non todos os días che sae igual»

C. P.

SANTIAGO

21 may 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Os nenos máis pequenos que asistiron onte á sesión do programa Hora do conto na Biblioteca de Caixa Galicia no Ensanche divertíronse coas historias que lles contou Marta Ríos (Boiro, 1977), actriz da compañía Talía Teatro e titulada en Educación Infantil.

-¿O dominio da escena é fundamental para captar a atención infantil?

-Todos os recursos son bos, porque ás veces pensas que vales para isto e chega un día que non conectas sen saber ben a razón. É como a maxia, non todos os días che sae igual. -¿É máis fácil se son pequeniños? -Ao ser moi pequenos e telos tan preto teste que adaptar ás súas reaccións, cambiar. Hoxe viña disposta a contar un conto, pero cambieino cando me atopei que había nenos duns 2 anos ate os 6 ou así. Era a primeira vez que viña a esta biblioteca e non sabía moi ben cal era o público, pero debeulles gustar, porque pediron outro. -¿O conto é improvisado ou está publicado e fai a súa versión? -Non sempre é igual. O de hoxe era sobre unha tribo africana editado nunha antoloxía que non é doado que coñezan. O ideal é que o conto estea no centro ou biblioteca á que imos, para que o lean e traballen con xogos e actividades arredor del. -¿Trátase de que participen? -Si, e resulta moi gratificante cando percebes que lles gusta, cando se implican con naturalidade na historia con xogos nos que buscamos referentes que lles son próximos, facendo voces e xestos.